Máis do 50% das actuacións levadas a cabo polo persoal dos parques do Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo integrado ó 50% pola Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, son as de labores de extinción de incendios en vivendas, provocados por chemineas mal limpas. A causa que está detrás da maior parte dos incendios atendidos é a acumulación de residuos nas chemineas. Un sinxelo e periódico mantemento sería suficiente para evitar futuros desastres, segundo estes bombeiros.
Segundo os datos facilitados pola delegación territorial da Xunta en Lugo, dirixida por Raquel Arias, o tempo de actuación, isto é, a suma do tempo transcorrido entre a chamada dos servizos de emerxencia ó parque, a chegada ó lugar do sinistro, as actuacións necesarias (sufocando un incendio, ventilando, limpando, excarcerando ou liberando persoas atrapadas, atallando fugas de auga, etc.) e a volta ó parque é de 2 horas e 30 minutos, o que é un tempo récord segundo a opinión dos expertos, tendo en conta as condicións orográficas do territorio lucense. En canto aos parques de Sarria e Chantada, o primeiro deu cobertura a 14 incidencias no Concello de Sarria, 1 en Baralla, 3 no Incio, 1 en Bóveda, 1 en Folgoso do Courel, 1 en Láncara, e 1 en Cervantes. Pola súa banda, o persoal do parque de Chantada cubriu 7 emerxencias en Chantada, 2 no Saviñao e nos concellos de Carballedo, Pantón, Taboada, Monterroso e Portomarín 1 en cada unha deles. As estatísticas reflicten boa mostra do nivel de actividades dos parques do Consorcio, sinalou Arias.