Lidia Senra alerta en Monforte que a reforma das pensións afectará gravemente aos dereitos das labregas

Lidia Senra, actual secretaria de relacións exteriores do Sindicato Labrego Galego (SLG), expoñía na Casa da Cultura de Monforte de Lemos a incidencia dos recortes das administracións nos dereitos das mulleres. No acto, organziado polo SLG e a Marcha Mundial das Mulleres e celebrado o pasado venres día 9. Lidia Senra, pioneira na loita polos dereitos das mulleres labregas en Galicia, falou da regresión que supón a crise nos dereitos que tantos anos tardaron en empezar a acadar as mulleres.

Lidia Senra e Enma Rodríguez durante a charla coloquio en Monforte. (Foto: Paula Vázquez Verao)

DENDE O SINDICALISMO LABREGO

Dende a súa experiencia como labrega e sindicalista, Senra fixo un percorrido polas loitas que se levaron a cabo por parte da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e como se conseguiu no ano 2007 a representación paritaria en todos os órganos do Sindicato. Unha das primeiras loitas que levou a cabo o SLG foi polo dereito a que as mulleres poideran darse de alta na Seguridade Social Agraria como titulares da explotación aínda que o cónxuxe traballara noutra actividade e tivera máis ingresos, tal e como recordou Lidia Senra. Dende o SLG ganouse esa batalla nos tribunais, xa que antes destes anos, aínda que xa en democracia “a Seguridade Social negáballes a estas mulleres o seu dereito a estar traballando na agraria posto que se supoñía que se o cónxuxe gañaba máis ca elas xa non tiñan ese dereito”, tal e como apunta Ana Rodríguez, reprensentante do SLG en Chantada.

COTITULARIDADE

Senra referiuse tamén a outros dos avances acadados pola muller do agro na súa loita pola igualdade, e é o recoñecemento da titularidade compartida nunha lei que agora aínda resta de aplicar na práctica. Tal e como detallou Rodríguez, nas explotacións agrarias galegas só podía figurar un titular. Desta forma, na maioría dos casos o titular era, e é, o home, que é tamén titular dos dereitos de produción e quen declara os ingresos da actividade. “A muller, cando cotiza á Seguridade Social Agraria, segue sen ser titular e considérase axuda familiar, deste xeito, a muller que se encontra nesta situación non é titular de nada e non pode asinar nada aínda que traballe na explotación a tempo completo e non teña outros ingresos”, explica Ana Rodríguez. Este feito orixinou situacións claramente discriminatorias, na súa opinión, como a axuda dos 100 euros ao mes que concedían por ser nai traballadora ao que as labregas non titulares non tiñan dereito nun primeiro momento. Outro problema das mulleres por non ser cotitulares dase no caso de divorcio, xa que a muller quedaría sen ningún dereito de produción que lle permita seguir dedicándose á explotación, quedando sempre cada caso en mans do xuíz. En Galicia son 35.000 as mulleres que en pleno século XXI, traballan a tempo completo en explotacións que están a nome dos seus cónxuxes e que, polo tanto, carecen de ingresos propios e de dereitos sobre a explotación -cotas leiteiras, por exemplo-, non poden solicitar axudas ao seu nome, non poden xestionar ningún tipo de trámite e non teñen beneficios fiscais.

A REFORMA DAS PENSIÓNS

No acto celebrado en Monforte, Lidia Senra fixo especial referencia a cómo vai afectar ás mulleres a reforma das pensións. Segundo as estatísticas, só un 5’5% das mulleres labregas acadan os 35 anos cotizados cando chegan á xubilación e máis do 32% chega hoxe aos 65 con quince anos cotizado ou menos. Isto explícase, segundo salientan dende o SLG, porque os sectores agrogandeiros levan sufrindo unha crise “perpetua” nas últimas décadas. “As dificultades económicas, unidas a unha cultura marcadamente patriarcal, fan que cando alguén ten que quedar sen cotizar na explotación para aforrar, sexa sempre a muller.” Senra referiuse tamén aos recortes nos servizos sanitarios e sociais no medio rural e, finalmente, no acto leuse a exposición de motivos da Manifestación que se celebrou en Santiago o día 11 de marzo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Jesús Miguel Domínguez, presidente del ANPA del CEIP A Gándara:

Seguinte Nova

A zona sur de Lugo aproveita os recursos provinciais para aforrar

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: