O programa medioambiental Km0 da Deputación contribúe a manter uns 130 postos de traballo directos en sectores do tecido socioeconómico da Ribeira Sacra, segundo indicaban nos pasados días dende o organismo provincial. A afluenza de visitantes que garanten as rutas organizadas no marco desta iniciativa supón un pulo para actividades coma a hostaleira, comercial, turística, artesá e adegueira. Na actualidade, Km0 colabora con 32 establecementos da Zona Sur, de xeito que os participantes nos roteiros comen sempre en restaurantes ou casas de turismo rural da comarca, ademais de visitar obradoiros artesáns, como a olería de Gundivós, e empresas agroalimentarias, principalmente adegas.
As rutas pola Zona Sur -Monforte, Sober, A Pobra do Brollón, Bóveda, Pantón, O Saviñao, Ribas do Sil, Quiroga, O Courel, Chantada, Taboada e Carballedo- son as máis demandadas, tralas da Mariña, concentrando preto de 8.000 participantes dende a posta en marcha do proxecto Km0, no ano 2008. Entre os lugares máis demandados están os Canóns do Sil e do Miño; Belesar; Os Peares; a praia fluvial e a igrexa da Cova, ou o miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao. Establecementos como os restaurantes O Grelo e Mesón JM de Monforte, Mogay de Chantada, Lar de Torrenovaes e Parada 2 de Sober; as adegas Regina Viarum de Chantada e Algueira de Sober, e Hospedería Ferreiro do Courel, e colectivos coma a Asociación de Xubilados de Taboada, transmitiron o seu agradecemento á Deputación por este programa.