A pasada semana reuníanse en Monforte representantes de Novacaixagalicia, o goberno local e a consellería de Educación patra tratar o asunto do peche da escola infantil que Caixa Galicia tiña aberta en Monforte dende hai 32 anos. A polémica saltou nas pasadas semanas co anuncio do peche por parte da entidade debido aos cambios producidos na mesma nos últimos tempos. Da reunión celebrada no Concello de Monforte agárdanse resultados esta semana na liña de manter o centro baixo algunha outra fórmula, así o declaraba o alcalde, Severino Rodríguez, quen tamén afirmou que a Xunta de Galicia deberá analizar algunha das cuestións que se puxeron enriba da mesa antes de dar unha resposta definitiva. Rodríguez manifestou que houbera boa vontade e ánimo de colaboración por parte de tódolos asistentes á reunión.
NOVACAIXAGALICIA
Antes de iniciarse dita reunión, o xerente da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea, manifestou que a entidade non abrirá a gardería para nenos de 0 a 3 anos, amparándose no descenso dun 60 % de matrículas dende o ano 2001 e na xubilación dos seus traballadores. Brea dixo, segundo informacións municipais, que estaban dispostos a ceder o edificio para que a Xunta continuase coa escola infantil e que había outras posibilidades que estaban dispostos a estudar.
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN
Pola súa banda, o xefe territorial da Consellería de Educación, Jesús Ramón Ledo, tamén fixo declaracións antes da reunión, explicando que Monforte ten cuberta a oferta de ensino infantil con cinco colexios, pero amosouse disposto a dar respostas positivas aos prantexamentos da xuntanza convocada polo alcalde de Monforte. Ramos considerou unha alternativa viable o traslado da gardería municipal para as instalacións de Novacaixagalicia, e incluso falou doutras posibilidades para que o centro non pechara as súas portas. Á xuntanza non asistiu ningún representante da Consellería de Traballo e Benestar, entidade responsable dos centros para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Por parte do Concello de Monforte estiveron presentes o alcalde, Severino Rodríguez, a concelleira de Educación e Cultura, Pilar López, e representantes dos pais e nais e dos traballadores do centro completaron a asistencia á xuntanza.
PRIMEIRAS MANIFESTACIÓNS DA XUNTA
A Xunta de Galicia manifestou que está en disposición de crear novas unidades educativas no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da Gándara para satisfacer a demanda que se pode xerar polo peche da escola de Novacaixagalicia na cidade de Monforte de Lemos, “un centro cuxa xestión é allea á Administración autonómica”, explicaron. Está opción é unha das que baralla o Executivo autonómico, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para garantir a cobertura en centros públicos da demanda de prazas de escolarización dos alumnos matriculados na actualidade na escola de Novacaixagalicia. A Xunta podería dar lugar a máis aulas no CEIP da Gándara, ata convertilo nun centro de liña 2 nos seus primeiros niveis, para completar unha óptima cobertura das peticións que se poidan producir para cursos de Educación Infantil en centros públicos da localidade de Monforte. Segundo manifestaron dende a delegación territorial da Xunta, membros do departamento de Educación veñen avaliando dende hai días distintas opcións para satisfacer positivamente ás posibles demandas de escolarización que presenten as nenas e nenos que na actualidade acuden ao centro de Novacaixagalicia. A pesares de que nalgún momento existiu unha certa confusión por interpretar dende algún ámbito que Educación habilitaría prazas no colexio de A Gándara, nos posteriores días, o servizo de Inspección explicaba a algunhas ANPAS coma a do propio CEIP A Gándara “que se producira un malentendido, porque non é certo que Educación só contase con A Gándara para cubrir as necesidades de escolarización derivadas da desaparición da gardería”, segundo apuntou o presidente da ANPA de dito centro, quen engadiu que “a función e compromiso da administración educativa, tal e como se lles dixo aos pais nunha reunión, era que houbese cabida para todos os que acudiran aos centros públicos respectando a liberdade de elección das familias”.
O PROBLEMA NOS MENORES DE 3 ANOS
A ANPA de A Gándara, a través dunha nota de prensa, amosou o seu apoio ao profesorado e pais para ver a posibilidade de continuidade da escola infantil “por ser un servizo excelente e necesario xa que a falta de garderías en Monforte é unha realidade” que leva a moitos pais a matricular aos menores de tres anos en centros públicos de fóra do municipio, porque a gardería municipal non ten prazas suficientes e ofrece un horario que se queda curto en moitos casos.
O PSOE PIDE NO PARLAMENTO QUE SE GARANTA A CONTINUIDADE
Esta mesma semana, José Tomé informaba de que o asunto ven de ser levado ao parlamento por parte do Grupo Socialista. A través dunha proposición non de lei queren que o Parlamento inste ao Goberno galego a facer as xestións oportunas para garantir a continuidade da Gardería e Escola Infantil. Na súa proposición, os socialistas levan ao Parlamento a explicación desta problemática. A Obra Social de Caixa Galicia mantiña un convenio coa Xunta para funcionar como Escola Infantil atendendo a alumnado de 2 a 6 anos. Este ano rexistra unha matrícula de 63 alumnos atendidos por 8 prefesores, 5 coidadores e cociñeiros e unha limpadora. Dúas das profesoras pertencen ao cadro de persoal da Xunta e traballan neste centro debido a dito convenio. Para os socialistas, a explicación do peche do centro non é só consecuencia da nova situación da Obra Social, senón tamén dunha decisión política da Xunta que leva a numerosas dificultades a pais e nenos, xa que, segundo relata o grupo parlamentario do PSOE na súa proposición, “os 18 nenos de tres anos carecen de acomodo nos centros públicos de Monforte e existe o risco de que sexan desviados a outros concellos. Por outra parte, os 14 nenos de 4 anos precisarían da creación dunha nova unidade na Gándara, e existen dificultades para a substitución das prazas de comedor eliminadas e tamén polo reducido horario de atención nos centros públicos”, relatan. No caso de A Gándara esta problemática tense resolto coa posta en marcha por parte da ANPA e a dirección dun servizo de atención ao alumnado antes do inicio das clases, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar que non conta con axuda das administracións.