Sumando ao concello do Incio, as comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada rexistraron no mes de febreiro un total de 4.312 parados. Monforte, cun maior peso demográfico, é o concello que máis desempregados rexistra, chegando xa aos 1812. Vai seguido do de Chantada, que acumula 700 parados, e Quiroga con 371. Ante estas cifras, UGT-Lemos valorou moi negativamente a conxuntura, xa que o paro incrementouse nun 8,10% con respecto ao mes de febreiro do pasado ano. Dende UGT consideraron que a reforma laboral non está a servir para mellorar as cifras de desemprego a nivel estatal, cifras que tacharon de “escandalosas”. O sindicato vinculou a recuperación do emprego ao crecemento económico e non ás reformas laborais que incrementarán o número de traballadores sen cobertura. Ao mesmo tempo animan aos empresarios a recuperar a actividade económica.
O secretario xeral do sindicato maioritario na zona sur de Lugo, Mario Docasar, incide unha vez máis no desenvolvemento das infraestruturas de comunicación como base para o progreso económico desta área xeográfica. Deste modo, Docasar afirma a través dun comunicado de prensa que solicitará á senadora e voceira do PP no Concello de Monforte, Julia Rodríguez, “que tome o relevo de José Blanco en defensa da A-76” e que o faga ante a nova Ministra de Fomento, a ourensá Ana Pastor.