O 80% dos monfortinos, satisfeitos coa limpeza da cidade

Severino Rodríguez deu a coñecer os datos da enquisa de FCC. EC

O 80% da cidadanía está satisfeita coa limpeza das rúas e prazas da cidade. Este é un dos datos que revela a recente enquisa realizada pola empresa concesionaria do lixo en Monforte, FCC, e tamén o que máis quixo destacar o alcalde, Severino Rodríguez, ao dar a coñecer os seus resultados.

POSIBILIDADE DE MELLORA NOS HORARIOS DE RECOLLIDA E NA LIMPEZA DE EXCREMENTOS, SEGÚN OS ENQUISADOS

A polémica pola limpeza e recollida do lixo na cidade está servida dende hai anos no plano político, e segue traendo que falar a goberno e oposición, que acusa ao Concello de permitir certos incumprimentos á actual concesionaria. Na enquisa, que foi realizada telefónicamente a 400 veciños, e por outra parte aos hostaleiros da cidade, os cidadáns danlle un 7,53 ao servizo de limpeza, pero mellorarían fundamentalmente o horario de recollida no sistema de cubeo (un 30% das respostas) e tamén a limpeza de excrementos (un 15% dos enquisados).

DIVERSA VALORACIÓN DO CUBEO

En canto á satisfacción co novo sistema de cubeo para a recollida do lixo orgánico, os cidadáns danlle unha valoración de 6 puntos, e un 68,8 % das persoas considera que mellorou o aspecto da cidade. De todas maneiras, entre os que viven en zonas onde se realiza o cubeo a metade prefiren os colectores, e a outra metade o sistema actual. A valoración directa do servizo da empresa actual merece para os cidadáns unha nota dun 6, 65.

A HOSTALEIRÍA E O COMERCIO

O hostaleiros e comerciantes da cidade reclaman máis cubos, de maior tamaño e horarios máis flexibles, a pesar de que lle dan unha nota dun 4,8 ao sistema de cubeo, o 54,8% dos hostaleiros e comerciantes pensa que mellorou o aspecto da cidade. Sorprenden dalgún modo estes datos tendo en contra que os empresarios da hostaleiría e comercio contarían nos seus negocios co número e tamaño de cubos que solicitaron no seu momento. No sector do comercio o 42,1 % aposta polo cubeo e o 53, 1 % polos contenedores.

“MÁIS COMUNICACIÓN ENTRE A EMPRESA, O CONCELLO E OS COMENRCIANTES”

O alcalde, Severino Rodríguez, destacou que o 78% dos empresarios destes sectores descoñece o funcionamento do sistema de recollida de papel e cartón porta a porta, a pesar de que aqueles que o utilizan lle dan unha nota dun 7,8 sobre 10. Con isto, o rexedor local manifestou a necesidade de que é preciso “intentar coñecer mellor as circunstancias e realizar un esforzo informativo maior, sobre todo nos comercios incrementando a comunicación entre a empresa, o concello e os comerciantes”.

PERIODO DE ADAPTACIÓN E MELLORA DO SERVIZO

Os resultados desta enquisa tiran á luz moitos máis detalles que dan unha idea do grao de satisfacción cidadá en aspectos concretos. Para Rodríguez estas valoracións hai que lelas dentro do contexto de implantación do novo sistema. Considera que aínda se vive un periodo de adaptación no que faltan por consolidarse o cambio de hábitos que xa se está a producir. Por outra banda, a enquisa pode ser un bo instrumento para correxir e mellorar aspectos do servizo, apunta o alcalde, quen opinou que “cando se volva facer outra enquisa os resultados van ser mellores”.

OS DATOS

En resumo, a valoración que a cidadanía e os comerciantes fan da limpeza da cidade é de 7,53 e 6,78 puntos sobre un máximo de 10, respectivamente. Entre os datos positivos, tírase que o 83,9 % da cidadanía que participou na enquisa e o 80 % dos comerciantes considere que as rúas e prazas están moi limpas. As propostas de cidadáns e comerciantes para mellorar o servizo de limpeza céntranse concretamente na frecuencia, 30 %, nos horarios, 30,5 %, e na limpeza de excrementos caninos, 15,3 %. No que se refire á recollida selectiva (vidro, envases, papel e cartón), a cidadanía outórgalle 6,6 puntos e os comerciantes 6,2. En canto ás propostas para mellorar a recollida de lixo os empresarios e a cidadanía coiciden: flexibilización de horarios, máis cubos e de maior tamaño.

“UN MONFORTE MÁIS LIMPO”

O mandatario local fixo fincapé, en referencia ás circunstancias do contrato anterior do lixo que tantas queixas tiña suscitado, que “queriamos un Monforte máis limpo e sen malos olores e unha vida máis saudable, cremos que estamos no bo camiño na mellora das condicións de vida e da imaxe da cidade”. Dende o goberno local agradeceron a axuda e colaboración da cidadanía. Por outra banda anunciaron que se levará a cabo unha reunión cos comerciantes co fin de escoitalos e perfilar decisións para mellorar o servizo no seu caso, e explicando, entre outras cousas, o sistema de recollida de cartón un por un nos seus establecementos. Severino Rodríguez recoñeceu as queixas por mor do horario de recollida como “razoables” tendo en conta que se ven dun sistema no que o lixo se podía botar a calquera hora. O mandatario nacionalista quixo trasladar aos veciños as valoracións que se facían hai dous ou tres anos do servizo de limpeza co fin de dar unha lectura positiva aos resultados da enquisa actual. Neste senso é importante ter en conta o incremento da plantilla e as características da maquinaria coa que se realizan estas tarefas. A laboura de concienciación sobre a reciclaxe será outro dos obxectivos marcados neste senso polo goberno local.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A zona sur de Lugo aproveita os recursos provinciais para aforrar

Seguinte Nova

Marzo cheo de actividades culturais para lembrar o papel da muller traballadora

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss