Traspaso de poderes no CCU de Monforte

O pasado 8 de marzo, 91 asociados do colectivo de comerciantes de Monforte votaban para elixir unha directiva que daba paso a unha nova etapa para o CCU. A candidatura encabezada por María José Senra, de Piensos Senra, sería elixida con 56 votos a favor fronte ao grupo confeccionado por Mon López, que acadou 34 votos, mentres que outra das votacións foi en branco.

Germán Vázquez dá paso á nova presidenta do CCU, María José Senra, no local do colectivo. EC

TRASPASO DE PODERES

O traspaso de poderes da directiva saínte ao novo grupo que tomará as rendas do comercio asociado na cidade do Cabe escenificábase oficialmente este luns por medio dunha xuntanza na que a extinta directiva informaba do estado das contas e da parte económica e realizaba un balance das colaboracións e traballos actuais e pendentes con entidades e organismos cos que o CCU traballa regularmente para dalo a coñecer aos novos encargados da asociación.

CALENDARIO DE TRABALLO

A primeira reunión do novo comité tiña lugar este mércores 14, e nela perfilaríase un calendario de traballo no que á proposta da xerente, Rocío Núñez, tamén se configurarán grupos de traballo para incidir nos diversos ámbitos da laboura da asociación. Este xoves está prevista a primeira reunión cos representantes da CEL en Monforte, iniciándose así a quenda de encontros con outros organismos como primeira toma de contacto. A partir da semana que ven dará comezo unha serie de reunións cos distintos sectores existentes dentro do comercio monfortino, un por un, co fin de coñecer de primeira man as súas demandas e tamén de presentar a nova directiva.

FEIRA MEDIEVAL

Nos pasados días representantes do colectivo asistiron xa a algún encontro co Concello co fin de perfilar a colaboración para o desenvolvemento da Feira Medieval que se celebrará en Monforte de cara a Semana Santa. O CCU incidirá en que o comercio asociado das rúas máis céntricas da cidade abra as súas portas o sábado da feira en horario de tarde, ademais de que se implique na medida do posible con vestimentas, caracterizacións ou decorados relacionados coa temática medieval. Tanto a nova presidenta como a xerente coinciden en sinalar que é preciso animar aos comerciantes para que vexan a Feira Medival como algo seu, tendo en conta os beneficios que tamén lles pode reportar.

VALORACIÓNS

A nova presidenta dos comerciantes monfortinos, María José Senra, manifestaba este mércores en declaracións a En Común, que a interpretación dos resultados destas eleccións non pasa por outro feito que non sexa que “o comercio de Monforte quere estar unido”, algo que tería demostrado coa alta participación dos comerciantes no proceso electoral -de 123 asociados que existen na actualidade, acudiron a votar ou delegaron o seu dereito 91-. Senra deixou claro que o primeiro obxectivo para a nova directiva é o de reunirse cos propios socios do colectivo, “nós somos os seus representantes actualmente, pero o CCU son eles, todos os comerciantes”, indicou. “Pola nosa parte imos trasladarlle as ideas que nós temos para traballar polo sector, pero son tan importantes coma as nosas as que eles mesmos queiran achegar”, aclarou a nova representante do CCU. Ademáis da comunicación continua cos asociados, a prioridade que marcou Senra na liña de traballo do CCU a partir deste momento é a promoción do consumo en Monforte. “Queremos incidir en que a xente merque máis en Monforte; que entre nos comercios, que mire e que compre”, indicou. Para cumprir este obxectivo, a empresaria adiantou que se prentenden levar a cabo campañas de concienciación e outras que premien aos consumidores que compren no comercio asociado. A presidenta do CCU vinculou o comercio co principal foco de actividade económica do municipio como cabeceira de comarca.

A DIRECTIVA

Na directiva entrante desempeñará o cargo de vicepresidente Julio Manuel Llano -Comercial Llano-, e acompañarano outros comerciantes de diversos sectores noutros cargos, como a avogada Greta Varela Franco, Milagros Vázquez Rodríguez – Ultramarinos Laura-, Miguel Ángel Vázquez Pino -Aulario Athenea-, Roberto Eireos -Bar Pra- ou Diego Rodríguez -Los Goya-.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Rural Underground: o cine que nace das terras de Chantada

Seguinte Nova

Os escolares coñecen o traballo dos bombeiros en Sarria

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: