As actividades, destinadas a persoas con discapacidade, maiores e rapaces en idade escolar, prorrogaranse ata xuño pola súa boa acollida
Un total de 24 asociacións do sur da provincia de Lugo beneficiáronse do programa “Todos a Xogar”, unha iniciativa posta en marcha pola Área de Deportes da Deputación de Lugo, e que busca a dinamización social a través do deporte. O Vicepresidente e responsable de Deportes na Deputación, Antonio Veiga, calificou de “todo un éxito” a implantación desta iniciativa, polo que anunciou que se prorrogará ata o mes de xuño.
Esta iniciativa está deseñada en tres áreas, segundo o sector poboacional ao que se dirixe. Por unha banda, o programa “Eu tamén xogo no Breo”, que promociona o exercicio físico de baixa intensidade para persoas con discapacidade, aglutinou a un total de 9 asociacións no sur de Lugo. Por outro lado, o programa “Non te retires, volta a xogar”, baseado na ximnasia de mantemento e xerontolóxica, contou coa adhesión de 8 asociacións nesta zona. Por último, o “Obradoiro deportivo”, con actividades físicas predeportivas para nenos e nenas en idade escolar, acadou a participación de 7 colectivos do sur provincial. No total da provincia, 135 asociacións integráronse nesta iniciativa multidisciplinar.