A Empresa Provincial de Turismo entrará en funcionamento antes do verán

As saídas do catamarán dende a aldea de Belesar seguen activas de mércores a domingo. ARQ.EC

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou recentemente a constitución da Empresa Provincial de Turismo, que será xestionada cun carácter fundamentalmente público. Así, acordouse crear unha comisión de estudo composta por membros da propia Xunta de Goberno e persoal técnico da Deputación, que será a encargada de propoñer o acordo de creación desta empresa para que o pleno da Deputación a aprobe definitivamente. Os responsables da Área de Turismo provincial destacaron “a importancia de que nestes tempos debe ser o sector público quen dinamice e incentive o crecemento económico apoiando ao sector privado”.

DESESTACIONALIZAR, DIVERSIFICAR E COORDINAR COA INICIATIVA PRIVADA

Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación, anunciou que están a cumprir os prazos sinalados para que antes do verán estea en funcionamento a Empresa Provincial de Turismo. Outeiro lembrou os obxectivos cos que se proxectou este novo ente, e que se centran na desestacionalización da actividade turística, ofertando destinos fóra da temporada alta; a diversificación da oferta turística, mediante a elaboración de novos paquetes que poñan en valor o patrimonio natural e artístico de Lugo; e a coordinación da promoción entre a iniciativa pública e privada. Outeiro destacou a “aposta polo benestar e o emprego” que supón a constitución da Empresa Provincial de Turismo “como unha ferramenta para potenciar unha actividade económica que representa xa o 13% do noso PIB e que ten aínda máis percorrido e unhas enormes potencialidades”. Outeiro explicou que “se garante o carácter fundamentalmente público da empresa que creamos e contaremos na mesma coas principais asociacións que agrupen as empresas ligadas co turismo, hostalería, casas de turismo rural e os diferentes territorios de Lugo”.

RUTAS FLUVIAIS

Por outra banda, o responsable provinvial informou de que o SUPLUSA seguirá a xestionar as rutas fluviais ata maio. Asimesmo, seguen activas a ruta do Miño desde a aldea de Belesar á ínsua de Maiorga, con saídas de mércores a domingo, e outra en Doade, que percorre os canóns do Sil de mércores a domingo, e en Semana Santa todos os días.

Apoio ao Entroido Ribeirao

Mario Outeiro e Juan Carlos González, na firma do convenio. GPDL

O presidente da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, Juan Carlos González Pérez, foi recibido na Deputación de Lugo por Mario Outeiro e asinaron un convenio de colaboración polo que o organismo provincial aportará 4.000 euros para contribuír cos gastos xerados polas actividades que organiza a asociación ao longo do ano. Esta aportación supón un 30% do orzamento de gastos do colectivo chantadino para este ano, que está cifrado en 14.000 euros.

“IDENTIDADE E CULTURA PROPIAS”

O delegado de Cultura da Deputación gabou “o traballo a prol da tradición e da cultura da Ribeira Sacra que esta asociación leva facendo desde os seus inicios”, e insistiu na “necesidade de que a Administración apoie a recuperación destas iniciativas”, xa que son “unha mostra do noso pasado como pobo e reflexo dunha identidade e dunha cultura propias”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Volta o Viñobús na Semana Santa

Seguinte Nova

Cita co viño artesanal na Feira do Viño de Quiroga

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss