A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, investiu nos últimos meses preto de 1 millón de euros na promoción e desenvolvemento de 18 cursos de formación para desempregados na comarca de Terra de Lemos. Estes cursos, que se encadran dentro do programa de Accións Formativas dirixidas a Desempregados (AFD), facilitaron a formación a 270 persoas da zona. Estas accións formativas representan, segundo destacou a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, “unha ferramenta do Executivo galego para ofrecer a persoas desempregadas unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo, capacitándoas para traballar en sectores laborais que presentan uns niveis de empregabilidade máis altos”.
CASE TODOS EN MONFORTE
Dende mediados do pasado ano, leváronse a cabo 18 cursos formativos cunha inversión de 993.568,58 euros na comarca, dos cales preto de 800.000 euros foron destinados a cursos realizados no municipio de Monforte.
SOCIOSANITARIOS E ENERXÍAS RENOVABLES
Os cursos deron formación técnica para a atención socio-sanitaria a persoas dependentes, control de sistemas microinformáticos, coidado de discapacitados físicos e psíquicos e control de sistemas de enerxías renovables, principalmente.