Carlos Portomeñe, coordinador comarcal Esquerda Unida-Lugo:“Queremos cubrir o espazo político da esquerda alternativa que se bota de menos en Monforte”

Amaro Rodríguez, Carlos Portomeñe, e Ramón Vázquez á súa saída do Concello de Monforte. EU.

Despois de que representantes de Esquerda Unida Lugo presentaran nas pasadas semanas no Concello de Monforte un escrito de alegacións contra o aprobado nomeamento dunha rúa en honra de Manuel Fraga, esta formación revive dalgunha maneira a súa presenza neste municipio nunha época de gran convulsión económica e social na que pretende asentar unha agrupación local. Carlos Portomeñe, coordinador comarcal de EU, comenta nesta entrevista para En Común como están a traballar nestes momentos para conseguilo:

O pasado venres mantiñan unha xuntanza na casa sindical de Monforte con simpatizantes e afiliados co fin de crear unha agrupación local de Esquerda Unida en Monforte. Que conclusións se tiraron desta xuntanza?

Dúas conclusións fundamentais. En primeiro lugar, todos os asistentes coincidiron na necesidade de cubrir un espacio político da esquerda alternativa que se bota de menos en Monforte e que ocuparía nitidamente EU. En segundo lugar, e intimamente relacionado co anterior, a vontade unánime de impulsar o proxecto de EU iniciando o antes posible o traballo político no obxectivo de constituír unha agrupación local.

Terá esta formación representación no municipio monfortino? Dende cando se extinguiu como formación local na zona sur de Lugo?

O compromiso adquirido na primeira xuntanza foi realizar un primeiro acto público e aberto á cidadanía de Monforte interesada en formar parte do proxecto de EU. Esta xuntanza realizarase antes de finalizar o mes de marzo e será a base para a constitución dunha agrupación local que agardamos estea constituída nesta primavera. Será a primeira vez que se establece unha organización estable desde 1997.

Cren que a inédita conxuntura económica que se está a vivir en España pode supor un repunte importante para esta formación? Que achegas pode traer de cara a un novo escenario social e político Esquerda Unida?

Os nosos sinais de identidade son a coherencia ideolóxica, o compromiso militante e un escrupuloso comportamento ético nas institucións. Ademais, fomos os primeiros en analizar correctamente a crise, en sinalar as súas causas e os seus reponsables. Fomos os primeiros en alertar de que os que nos metían na crise ían intentar que a pagasen os traballadores. E fomos os únicos en dar alternativa; pero na práctica, non na retórica. O mellor exemplo é o programa económico de IU, do que Cayo Lara presentara xa en 2010 as cen principais propostas a Zapatero para superar a crise e que, lamentablemente, este rexeitou discutir. Estamos en todos e cada un dos conflictos sociais, políticos e económicos, mantemos unha relación intensa cos movementos sociais e temos unha concepción radicalmente democrática da sociedade e do modelo organizativo interno. Iso viuse reflectido nos excelentes resultados electorais, que para EU son un medio, non un fin. EU é a terceira forza estatal con 1.700.000 votos (6,9%) e once deputados, que serían vinteún de existir unha lei electoral xusta e proporcional. E as enquisas máis recentes outórgannos unha intención de voto de máis do 9% de celebrarse hoxe eleccións xerais. Unha tendencia de crecemento que se confirmará nas eleccións en Asturias e Andalucía. En Galicia vimos de superar os sesenta e sete mil votos (4,12%), e nunha provincia como Lugo triplicamos os votos 6.448(3,01%), dos que 2.794 (5%) corresponden a Lugo capital. Entendemos que os que nos levaron á crise non poden pretender sacarnos dela, por iso EU é a alternativa con maiúsculas.Somos a esquerda emerxente, fronte a unha clara crise do nacionalismo e do social-liberalismo, incapaces de dar resposta desde a esquerda a unha sociedade que vai camiño dos seis millóns de parados.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O colectivo veciñal do Saviñao, polo turismo e a participación cidadá

Seguinte Nova

O PSOE monfortino leva ao pleno dúas peticións veciñais

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: