Trinta anos de Feira do Viño amosan un evento plenamente consolidado no que apenas hai que facer modificacións organizativas. Iso é, alomenos, o que considera o rexedor quirogués, Julio Álvarez, quen participa activamente na organización dende os seus inicios. Este ano serán nove as adegas participantes, asentando esta cita coma unha feira singular dentro do calendario da Ribeira Sacra polo seu carácter de permanencia dos viños e adegas de produción artesanal fundamentalmente, deixando outros espazos específicos para as adegas máis industrializadas e profesionalizadas, que poden participar igualmente na Feira do Viño de Quiroga. Son moitos os caldos elaborados na delimitación que correspondería á subzona específica Quiroga Bibei, amparada polo Consello Regulador.
TURISMO E PRODUTOS ARTESANAIS
A cita cos viños de Quiroga converteuse nos últimos anos nun dos eventos máis concorridos da zona cun carácter eminentemente festivo, pero tamén comercial e turístico alzándose como unha grande oportunidade para o municipio. Os días 7 e 8 de abril a rúa principal de Quiroga encherase de postos de venta de diversos produtos e de veciños e visitantes. Coincidente coa fin de semana da Semana Santa, despois dun xoves e venres de relixiosidade para moitos, a fin de semana convértese no momento festivo, e un dos motivos do éxito da convocatoria está precisamente no asentamento da feira nesta data dende hai uns vinte anos, tal e como apunta Álvarez. Como complemento ao viño, tradicionalmente tanto o outono coma a Semana Santa son épocas de atracción turística moi importantes no val de Quiroga, polo que os recursos municipais estarán dispoñibles de cara a ofrecer ao visitante información e amosar os Museos Etnográfico e Xeolóxico, sen dúbida dous puntos de interese fundamentais na vila. En íntima relación coa terra e a paisaxe protagonistas están os produtos artesanais que se mesturan co propio viño na feira, onde non faltan o famoso aceite de Quiroga, o mel, o pan e outros coma os licores, tamén ligados á cultura vitivinícola. A oferta gastronómica dos produtores quirogueses atopa un gran puntal para a comercialización nesta feira, un dos momentos do ano no que se dá maior saída ás súas mercadorías.
PREGÓN, MOMENTO ESTELAR
Sen dúbida, o pregón nos últimos anos converteuse nun dos momentos de maior concentración de asistentes na zona da feira. Despois de que pasaran por esta cita xente como Paz Padilla, Jimmy Jiménez-Arnau, Jaime Peñafiel, Lydia Lozano, Silvia Jato, Paula Vázquez, Matías Prats e María Castro, entre outros, este ano será un novo personaxe mediático o encargado de dar lectura ás palabras que abrirán oficialmente o evento o sábado pola tarde.Kiko Matamoros, colaborador de diversos programas televisivos do ámbito do corazón, será o convidado de honra e virá acompañado da súa esposa, a tamén colaboradora televisiva, Makoke. Kiko Matamoros empezou a ter presenza televisiva polo seu traballo como representante de artistas e persoas famosas e do mundo do espectáculo. Programas como “Salsa Rosa”, “TNT”, “A tu lado”, “Dónde estás corazón” foron os seus escenarios mediáticos máis importantes, e na actualidade Matamoros asentouse como habitual de “Sálvame Diario”, “La Noria” e “Sálvame Deluxe”. En canto ao orzamento, o alcalde non falou de cifras, pero destacou a importancia da implicación humana na organización da feira, que xa iniciou os seus preparativos no mes de novembro, o que califica como un gran investimento de tempo e traballo por parte de traballadores municipais, funcionarios e veciños. Por outro lado, Julio Álvarez sinalou que os pregoeiros nunca cobran pola súa asistencia, xa que simplente adoitar pasar a fin de semana na vila, pero sen recurrir ao caché habitual que teñen estipulado. O rexedor destaca a importancia actual dos medios de comunicación e o seu tirón na difusión da feria na elección deste tipo de pregoeiros con relevancia mediática.