E-administración: aforro e eficiencia para a xestión municipal

A Deputación asume os servizos de alta velocidade de internet e asesoramento continuo en varios municipios nun novo impulso da administración electrónica nas Casas Consistoriais

Banda longa ou e- administración pode sonar a chinés a moitos veciños que carecen de contacto coas novas tecnoloxías, pero que sen ser usuarios directos das mesmas benefícianse día a día da súa implantación á hora de tramitar todo tipo de aspectos, por exemplo dende as Casas Consistoriais ás que día a día acudimos por xestións oridinarias e imprescindibles. Non por casualidade Europa continúa a destinar aos nosos gobernos e organismos grandes partidas económicas destinadas á implantación e universalización das novas tecnoloxías, un instrumento imprescindible no día a día das persoas e administacións. Con este motivo, o sur de Lugo percibirá preto de 235.000 euros repartidos entre os nove municipios acollidos ao Plan de Extensión de Banda Longa da Deputación de Lugo nesta zona, e que permitirá ás Casas Consistoriais traballar cunha velocidade de 100 megas de internet durante dous anos, entre outros servizos. A Pobra do Brollón, Monforte, Sober, Quiroga, Ribas do Sil, Chantada, Carballedo, Sarria e Taboada serán os beneficiarios desta nova partida que se fai posible nun 70% grazas a fondos europeos.

Ribas de Sil conta cunha web que foi creada grazas a estes programas provinciais. EC

AFORRO

En total será 1,2 millóns de euros a cantidade investida, correspondendo a cada un dos 46 municipios adheridos na provincia uns 26.000 euros se dividimos o total do investimento (que inclúe o mesmo servizo para as dependencias provinciais) que se aforra cada un dos concellos non só en acceso a internet, senón tamén destinados a axilizar os trámites e o traballo dos empregados municipais, ademáis de facer posibles deceas de xestións que antes non se materializaban por vía telemática, o que corresponde ao concepto de e-administración.

ASESORAMENTO PARA O BO USO DAS FERRAMENTAS

Pero de nada serve ter mil posibilidades e infraestruturas a disposición se descoñecemos o seu correcto funcionamento. Para isto entra en funcionamento un Centro de Asesoramento Tecnolóxico que será de balde para os concellos e funcionará durante os 365 días do ano. A través del, os traballadores municipais poderán acceder, por exemplo, á elaboración de pregos, tan necesarios e habituais nas administracións locais. Ao mesmo tempo, esta medida contribuirá á creación de novos empregos que reforzan o persoal provincial, xa que se precisan para atender este centro 4 profesionais vinculados á rama da innovación.

O SERVIZO DE ASESORAMENTO

Profesionais especializados darán resposta ás dúbidas sobre o funcionamento da administración electrónica ou sobre os portais webs oficiais dos municipios que se están a poñer en marcha nalgúns concellos acollidos a este programa, coa finalidade de mellorar as páxinas webs existentes e realizar un mantemento profesional e máis económico para os municipios. Por exemplo, os traballadores que o desexen poderán recorrer a asesoramento sobre as posibles contratacións tecnolóxicas que queiran facer os municipios, buscando as opcións máis convintes. O servizo de asesoramento contará cun investimento de 235.410 euros e terá a súa sede no Pazo de San Marcos, nas instalacións da Deputación de Lugo. O pasado ano xa se levaron a cabo as obras precisas a través deste Plan de Banda Longa, como son a instalación de antenas, extensión do cableado, dotación da rede ás Casas Consistoriais que funcionaron cunha velocidade de dous megas. En todo isto xa se fixera un investimento dun millón de euros, dos que tamén o 70% proviñan dos fondos europeos captados polo organismo provincial con este tipo de fins. Segundo informaron dende o goberno provincial, a nova contratación suporá un aforro dun 40% con respecto á anterior, xa que nun só contrato lévase este servizo ás dependencias provinciais e aos 46 municipios que se acolleron libremente a este programa. Por outra banda, increméntase a dous anos o tempo de contratación (o dobre) e a calidade e velocidade será superior, chegando aos 100 megas, a pesar de que poida ser algo inferior en función das características orográficas que poidan dificultar este servizo en determinados municipios.

A E-ADMINISTRACIÓN EN GALICIA

Segundo os datos dun estudo do OSIMGA, Obervatorio da Sociedade da Información de Galicia publicado a finais do ano 2011, nin sequera a metade dos concellos galegos dispoñen de módulos ou plataformas de e-administración en 2010. Dentro dos servizos que ofrecen estes concellos, o máis importante é o rexistro telemático, implantado no 46,9% dos Concellos en 2010, seguido da plataforma de sinatura electrónica-nun 39,6% dos municipios-, e do acceso electrónico á información dos expedientes -o 30,3 % nesta data-. Outras posibilidades menos implantadas da e-administración nos concellos son, por exemplo, o pago por medios electrónicos, as notificacións electrónicas ou mesmo a factura electrónica ou a compulsa electrónica, enormes posibilidades escasamente implantadas pero que supoñen un gran servizo para a cidadanía que pretende instaurarse de xeito progresivo e que só se propón como posible a través de investimentos e formación por parte dos concellos ou outras administacións. Por outra banda están, por exemplo, as enormes posibilidades que as novas tecnoloxías ofrecen para que os concellos incrementen as canles de comunicación co cidadán. Neste senso, a práctica totalidade dos municipios dispón do correo electrónico xa a finais de 2010, tan só o 62% conta con terminais informáticos de acceso público a internet. Moito máis lonxe quedan canles como a utilización de mensaxes a dispositivos móbiles ou internet para móbiles ou a utilización doutros medios como as redes sociais ou youtube, que sí parecen experimentar un crecemento no último ano, do que o observatorio aínda non publicou estudos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria, capital do antigo

Seguinte Nova

Monforte volve ao Medievo un ano máis

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: