Faro-Miño

S.Veiga- Chantada

O 22 de Nadal de 1990, o primeiro premio da lotería cultural caía en Chantada. Porque é todo un azar (e unha sorte, da boa) que un grupo de amigos afeccionados ao teatro dende rapaces deran o paso adiante para subir ao escenario e botar uns bos 22 anos sen paraxe. Naquela tardiña, o novísimo Faro-Miño representaba “O cego de Fornelos”, de Varela Buxán, no desaparecido Cine López Otero de Chantada. Os escasos dez integrantes daquel Faro-Miño de seguro que botaron unha man para darlle os últimos toques aos decorados, deseñados por Lomarti, artista lucense afincado en Chantada. A partir daquela tardiña, un novo pulo cultural bulía na vila, e sen esmorecer aínda bule, e con forza e novas ideas. Hai que recoñecer que isto non pasa todos os días. Un bo día aquel 22 de Nadal: un día de sorte para a cultura da nosa terra.

Placa conmemorativa do 20º aniversario da fundación do grupo Faro-Miño, na Praza do Cantón de Chantada. EC

UN SOÑO DE RAPACES

Cada emprendemento ten o seu truco: unha cabeza pensante, unha man firme, unha convicción. Calquera que sexa o reparto de poderes no tandem Francisco Maciñeiras-Ramón Rodríguez Porto, o caso é que estes históricos de Faro-Miño colleron a afección polo teatro cando no instituto representaron “Os vellos non deben de namorarse”, de Castelao. De aí pasaron a darlle forma á idea de seguir nos escearios, e así botaron a andar a un dos grupos de teatro afeccionado máis lonxevos de Galicia. A súa boa saúde convirtiunos en testemuña do difícil que resulta a supervivencia neste ámbito; o propio Porto recoñece “a importancia do teatro na sociedade”, aínda que a dinámica dos grupos resulta imprevisible: “cando empezamos había poucas agrupacións que como moito botaban catro ou cinco anos, mentres que agora hai en torno a vinte grupos de teatro, pero todos son afeccionados”. De aí que o apoio das institucións, en especial os esforzos da Xunta e da Diputación Provincial son moi valorados, especialmente porque fomentan a actividade dos grupos de teatro afeccionado, como no caso do programa provincial Buxiganga.

O ÚNICO INIMIGO: O FÚTBOL

Unha vez superados os cotiáns obstáculos que se agochan no camiño dos grupos de teatro afeccionado (“haille que quitar tempo ao traballo e ao lecer”, comenta Ramón Porto), a posta en escea conta sempre cun nutrido público, alá onde vaian. Tanto os circuitos promovidos por institucións dentro de Galicia, coma as iniciativas propias a nivel local contan sempre, según suliña Porto, con “moi boa acollida”. Éxito que se repite nas actuacións que veñen desenvolvendo orientadas á emigración en prazas como Barcelona, Cornellá ou Valladolid. Iso sí, tendo en conta que se hai fútbol, aparecen sillas baleiras: non hai comedia que lle tusa ao deporte nacional.

ESCOLA DE TEATRO, A PEZA QUE FALTA

As vintedúas postas en escea de obras alleas e propias que leva o chantadino Faro-Miño son a proba de que o teatro ocupa un lugar na cultura das xentes. O teatro afeccionado xurde dende o pobo, e devolve xeneroso a grandeza desta arte: a Mostra de Teatro Popular de Chantada vense consolidando como unha cita imprescindible no roteiro cultural de Galicia, congregando centos de persoas, entre profesionais, afeccionados e público en xeral, na chantadina Praza do Cantón. Comedia, contacontos, gags cómicos…, un traballo artístico que divirte a quen o atende e enriquece a quen o interpreta: “o teatro axuda a comunicarse, descubre cualidades que a persoa non recoñecía”, comenta Porto. De aí que xa volte bulir o maxín en Faro-Miño para pelexar por unha Escola de Teatro en Chantada: a peza que falta para que a mocidade vaia collendo o relevo. Un proxecto de futuro para que nos vindeiros anos Chantada siga enchendo de teatro as noites de verán na Praza do Cantón.

BUXIGANGA: PROGRAMA DE APOIO AO TEATRO AFECCIONADO E Á OFERTA CULTURAL DOS CONCELLOS

• Recentemente presentouse a cuarta edición do programa Buxiganga, iniciativa posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación, que pretende apoiar aos grupos de teatro afeccionado, e tamén aos concellos e ao tecido asociativo no deseño dos seus programas culturais. Segundo os responsables desta iniciativa, cada ano aumenta o número de grupos teatrais participantes; na primeira edición do programa houbo 12 grupos rexistrados, mentres que en 2011 xa chegaron a 22. Dende a Deputación destacan a importancia de promover este tipo de iniciativas xa que “fai falta moito teatro, moita arte nestes tempos que estamos a vivir para formar espírito crítico na sociedade”.

21 MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA POESÍA

POESÍA, “DEREITO DE CIDADANÍA”

por Ramón Rodríguez Porto

Dende octubre do ano 99 a Unesco proclamou a celebración do 21 de marzo como “Día Mundial da Poesía”. Este organismo analizou a situación da poesía suliñando diferentes consideracións. Entre elas, que se trata dunha necesidade social que impulsa en particular os mozos a volver ás fontes, o que constitúe para eles un medio de interiorización que consigue que o mundo exterior atráigaos irresistiblemente hacia un coñecemento máis profundo. Este impulso social hacia o recoñecemento dos valores ancestrais é asimesmo unha volta á tradición oral e á aceptación da fala como elemento socializador e estructurador da persoa.

Existe aínda unha tendencia nos medios de comunicación social e público en xeral a negarse a non valorar o papel do poeta. Sería útil actuar para librarse desta imaxe trasnoitada, e conquerir que á poesía se lle recoñeza o “dereito de cidadanía” na sociedade.

Ó falar de poesía teño medo a profanala; porque a poesía pídenos que lle deixemos abertas as portas do corazón, para que río arriba nos penetre e se misture coa sangue e logo sintámola frolecer dentro de nós. Como ben sabedes, a poesía resístese ás análises totalizadoras, podémola estudiar, reducila a códigos e a estructuras, pero ¿non a estaremos asasinando? ¿Non a estaremos reducindo a niveis non poéticos, e polo tanto degradándoa na súa propia esencia? A poesía é vida, emoción e misterio.

A poesía, pola súa propia factura lingüística (feita a base de repeticións e transgresións) ten algo de liturxia e pídenos unha lectura diferente. O poema non remata no seu propio creador, senón que remata no Home, pechando un círculo de fraternal emoción que comenzou no poeta. A poesía admite moitas lecturas, tantas como lectores, e nesa pluralidade xace a súa riqueza.

En canto á poesía galega, a forza que nos séculos XIII e XIV tivo o galaico-portugués desmorónase totalmente no século XV, xustamente cando aparece en Castela un novo estado que non respeta a idiosincracia nin a diversidade. O pobo galego, dentro xa da órbita política e cultural castelán, asume o seu papel de vencido, emprega tímidamente a súa lingua no campo e no mar, pero adota o castelán para falar en voz alta. É este un momento crucial na historia da literatura, porque é a partir de agora cando as linguas romances, impulsadas polo Humanismo, van a dar os primeiros pasos decisivos na súa elaboración artística. Escríbense as primeiras gramáticas e perceptivas. Empezan a ensaiarse os metros clásicos.

Aparecen Ronsard en Francia, Sá de Miranda en Portugal, Garcilaso de la Vega en Castela… Galicia permanece en silencio. Aparecen os grandes artífices, os poetas formalistas, os forxadores do castelán: Mena, Herrera, Góngora… Galicia permanece en silencio. Van avanzando os anos e xa cada lingua romance ten seu poeta: pódese falar da lingua de Camoes, a lingua de Cervantes, a lingua de Molière… Galicia permanece en silencio. O galego é, ó longo deste periodo, a lingua dun pobo que cala máis que fala. Non hai un nome ilustre que a respalde. É unha lingua orfa. Pero é a lingua dun pobo.

Non renace, pois, a literatura galega no XVIII, pero si prodúcese un clima favorable para que na seguinte centuria xermine a semente romántica e se produza o Rexurdimento. Dúas datas podrían considerarse claves no Rexurdimento galego: 1861, coa celebración dos Xogos Florais, e o 1863, coa publicación de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro. Polo tanto, cabe suliñar deste xeito que a “nova” poesía galega achégase ó século e medio de tradición literaria; cun século XX onde xurdiron voces exemplares, dende Celso Emilio Ferreiro a Novoneira, ou mesmo Manuel María.

E xa para rematar, qué mellor que a frase de Papini: “Un poeta que estivese satisfeito do mundo en que vive non sería poeta”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte volve ao Medievo un ano máis

Seguinte Nova

Nuevo éxito del Club Ciclista Chantadino

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: