A Deputación destinou 445.300 euros a distintas obras para compensar ao municipio
A Deputación de Lugo liquida a débeda do canon hidroeléctrico en Sober, adxudicando as derradeiras obras deste Plan, dotadas cun investimento de 84.000 euros, financiados na súa totalidade pola institución provincial.
ACCESOS NO RURAL
O deputado provincial Manuel Martínez informou que na Xunta de Goberno da pasada semana se contratou, para a súa inmediata execución, unha serie de obras de pavimentación nos accesos ós núcleos rurais de Gullufre-Os Canares, Os Congos, A Merla, Cancomede, Sampil e Rosende. O voceiro provincial destacou que, en total, o organismo achegou a este Concello da zona sur da provincia, “que non contaba con sentenza xudicial favorable na reclamación do canon, pero si co firme compromiso deste Goberno provincial, consciente de estar ante un municipio que, dende hai anos, produce e subministra enerxía hidroeléctrica á provincia”, 445.300 euros. Este orzamento, definido en base a un traballo elaborado por profesionais do departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, investiuse en 11 obras, demandadas polos veciños e acordadas co Rexedor municipal no momento. Todas elas, á excepción das adxudicadas nos pasados días, están executadas. Trátase de acondicionamento de accesos en Proendos, Área Recreativa, Arroxo, Santa Marta e Bolmente (39.640 euros); saneamento e abastecemento en Mer (35.142 euros); abastecemento de Carqueixa (17.083 euros); saneamento e abastecemento en Froxán (48.517 euros); acondicionamento de accesos e alumeado público en Regueiro, Nogueira, A Boca e Fervenza (41.037 euros); acondicionamento de accesos en Barantes, Barreiros y Bulso (44.962 euros); acondicionamento de accesos en Canaval, Bananta, Piantes, Camilo e Rúa da Panadería (43.721 euros); acondicionamento de accesos en Prados, Matamá e Rosende (31.887 euros); pavimentación na rúa El Progreso (58.734 euros); pavimentación accesos en A Merla, Sancosmede, Sampil e zona verde Rosende (38.160 euros); e pavimentación de accesos en Gullufre-Os Canares e nos Corgos (46.426 euros).