A área fluvial que foi obxecto de varias intervencións agarda o efecto dun esforzo promocional de futuro
O regreso do servizo dos catamaráns na Ribeira Sacra durante a Semana Santa coincidirá coa reapertura dos servizos da área turística de Maiorga, na ribeira do Miño en Pantón. A aposta por esta zona como unha referencia para o desenvolvemento turístico do municipio e como un dos rincóns singulares do conxunto da Ribeira Sacra segue a ser unha constante nos últimos anos, e o traballo por promocionala e consolidala plenamente é unha materia aínda en curso, pero na que se teñen avanzado diversas actuacións. A implicación dalgúns organismos neste asunto a través de distintas obras fixo posibles os accesos dende a zona alta e dende a beira do río a unha área con un importante potencial, abandonada por mor do paso do tempo e o sino demográfico do rural máis profundo.
Unha zona para a aterraxe de helicópteros de cara a diversos servizos instalada nos primeiros momentos; a preparación dunha praia fluvial case testemuñal e que precisa dos últimos detalles de acondicionamento; a creación dunha viña experimental como mostra e testemuño da actividade vitivinícola tan ligada ao concepto turístico da Ribeira Sacra; a mellora dos accesos a viñedos do contorno; e sobre todo a rehabilitación da chamada Casa do Barqueiro destinada a bar-restaurante e á venda de produtos da terra, foron actuacións suficientes para colocar a área de Maiorga entre os puntos de maior interese para o visitante. O Concello de Pantón, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia a través da concesión do obradoiro de emprego que logrou realizar un lavado de cara desta área a través de diversos traballos, e tamén o Ministerio de Medio Ambiente mediante fondos europeos para a creación do embarcadoiro, realizaron pequenas achegas en distintas fases.
O COMPLEMENTO DA MÍLLARA
A rehabilitación da aldea de A Millara, moi próxima a Maiorga, por parte da iniciativa privada, foi un proxecto paralelo que pretende contribuír á posta en valor da zona ao tempo que revitalizou a actividade vitivinícola poñendo un espazo importante en produción. Neste caso, a Deputación sufragou a instalación dunha valla quitamedos de madeira nos viais de acceso, outra das actuacións recentes no acondicionamento destes lugares. A entrada en funcionamento destes servizos a partir da Semana Santa abre a tempada turística e supón para o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, unha nova oportunidade na consolidación de Maiorga, na que ten e terá unha responsabilidade importante o feito de que dúas rutas de catamarán -a de Peares e a de Belesar- fagan parada neste lugar singular próximo á illa de Maiorga ou illa de Sernande. Por outra banda, algunha empresa está xa interesada en tomar as rendas e potenciar este complexo a medio ou longo prazo. Álvarez valora o enorme potencial de Maiorga para o municipio, pero non esquece que agora hai que centrar o traballo na grande materia pendente, a da promoción. “Sempre se falou da ruta do Sil, e dos canóns, agora falta por amosar ao mundo a do Miño”.