O Concello de Ribas de Sil aplica un plan de austeridade no gasto

Un apagado selectivo do alumeado e a anulación dos fogos artificiais permitirán destinar fondos para a axuda a domicilio e manter algún emprego

• As dificultades de finanzamento nos concellos e especialmente nos máis pequenos, como Ribas de Sil, está a levar aos gobernos locais a artellar diversas fórmulas de austeridade máis ou menos “impopulares”, pero imprescindibles en moitos casos. Ribas de Sil xa empezou a aplicar medidas que contribuirán, segundo sinalan dende o goberno municipal, a solventar dalgunha maneira as dificultades que se presentan nestes tempos para prestar os servizos que viñan sendo habituais de cara á cidadanía.

APAGADO SELECTIVO DO ALUMEADO

Mans á obra están, por exemplo, no apagado selectivo da luz pública a partir das últimas horas do día e nunha reducción dun 30% da potencia, con menor consumo e intensidade. Xa no ano 2001 se levara a cabo en San Clodio a substitución das luminarias, que supuxo dende aquel momento un aforro que agora se incrementará con esta reducción da potencia e apagado selectivo do alumeado. O apagado é automático a través dun programador e realizarase nas luminarias máis prescindibles, garantindo que as fachadas de cada casa -habitada ou deshabitada- e o seu contorno máis cercano queden iluminadas en todo momento. Esta medida aplícase polo momento tan só na vila de San Clodio que, segundo responsables municipais, “é onde máis se pode aforrar”, mantendo a iluminación imprescindible -permanecerán apagadas a partir dunha hora concreta da noite a metade das farolas- e aforrando ao ano uns 20.000 euros, unha cantidade moi importante para un municipio destas dimensións. Esta iniciativa vaise ir aplicando progresivamente nestes días, e xa se fixo nalgunhas rúas. Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas do Sil, salienta que estes cartos, aparentemente insignificantes noutros ámbitos, permiten “manter un operario municipal con fondos propios durante todo un ano, o que equivale a manter a unha familia que é parte do pobo”.

AXUDA A DOMICILIO E XESTIÓN DAS FESTIVIDADES

A problemática polos recortes da Xunta na axuda a domicilio, común a todos os concellos, supón outra preocupación en Ribas do Sil. Dende a administración local idean as fórmulas para tratar de atallar a desatención que supón a reducción duns fondos que, se o ano pasado acadaban os 18.000 euros, este ano quédanse en 1.500, “unha nova da que tiñamos coñecemento no mes de novembro con moitos gastos xa adiantados” para cumprir compromisos adquiridos anos atrás. “Grazas a unha racional xestión económica fomos financiando parte da débeda”, apunta Castro, quen engade que, sen embargo, “o ter que facer fronte a facturas recoñecidas fóra do exercicio e o burato de 18.000 euros que nos anunciaron por sorpresa complica o servizo neste ano”. A atención a domicilio xestionada polo Concello manterase cuns mínimos, pero para isto será necesario prescindir doutros gastos que se antollan secundarios nun momento coma este. É o caso dos máis de 8.000 euros que ven custando o total dos fogos artificiais; esta partida destinarase agora directamente para axuda no fogar. Arraigadas tradicións festivas quedan comprometidas nestes momentos, unha decisión coa que moitos non estarán dacordo, pero que, segundo o goberno local, “non se van tirar os fogos porque a rendibilidade deste gasto pode ser discutible nestes momentos, e decidimos manter un servizo de axuda a domicilio digno para os nosos veciños”.

O tenente de alcalde aproveitou para facer unha crítica ao funcionamento da xestión das axudas á dependencia na nosa comunidade, xa que existe xente en situacións moi graves que aínda non ten recoñecida a dependencia, casos aos que hai que atender dende os servizos sociais municipais. Uns servizos que funcionarán este ano con mínimos e que permiten manter a un traballador a xornada completa coa suma das achegas da Deputación, da Xunta (aínda que moi reducida con respecto aos anos anteriores), unha parte de copago e os propios fondos municipais.

MÁIS AUSTERIDADE

Entre as medidas que completarán un certo aforro para as arcas municipais, os responsables públicos queren contar as que reportará a posta en funcionamento da nova rede de abastecemento de auga, que permitirá gastar uns 7.000 euros menos ao funcionar a traída polo sistema de gravedade. Por outro lado, tamén se conta a diminución do gasto enerxético que implicará o traslado ao novo consistorio, que conta cunha caldeira de biomasa. Outros puntos a favor da austeridade son a política de axuste aplicada no uso e clausura dalgúns teléfonos móbiles, o aumento da cantidade de obras realizadas por administración dende hai algún tempo, e a reducción do 5% aplicada xa o pasado ano nos soldos dos funcionarios municipais, que serviu á reducción da débeda. No seu conxunto, este agresivo plan de austeridade fará posible a creación dalgún posto de traballo e o mantemento dalgúns servizos da axuda a domicilio.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Podio para o Clube Ciclista Chantadino en Santander

Seguinte Nova

Entrevista: Pablo Vidal, blogueiro de San Clodio que promociona o municipio a través da rede

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: