Preto de 3,7 millóns de euros destinaranse a Galicia na nova distribución dos fondos vitivinícolas
Case 3,7 millóns de euros para a reconversión e reestruturación do viñedo en Galicia. Esta é a partida que se establece trala modificación no cadro financeiro do Programa de Apoio ao Viño para o exercicio 2012, que está dotado de 358 millóns de euros. Segundo informaron os responsables de Medio Rural e do Mar, a Galicia corresponderanlle preto de 3,7 millóns de euros, dos cales case 2,3 xa foron distribuídos como anticipo desta dotación.
MODIFICACIÓN DOS CRITERIOS
Esta decisión foi comunicada pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que asistiu o pasado día 22 en Madrid á Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, co fin de participar na distribución definitiva de fondos para o sector vitivinícola. Segundo informaron os responsables da consellería de Medio Rural e do Mar, Galicia defendera no seu momento a necesidade de modificar os criterios ponderados tales coma os da superficie dos viñedos (que favorecen a territorios con gran extensión) e que se tiveran en conta a evolución da nosa viticultura ao longo dos últimos decenios, a peculiaridade da orografía galega e os maiores custes de produción.
OBXECTO DAS AXUDAS
A consellería de Medio Rural e do Mar mantén a aposta por este sector, a través dunha liña de axudas que busca incentivar estes plans de reestruturación e reconversión da viña, no marco do obxectivo xeral de aumentar a competitividade dos viticultores por medio da reconversión varietal, a reimplantación de viñas ou as melloras das técnicas de xestión da viña. Estas axudas teñen por obxecto apoiar investimentos relativos a arrinque, preparación de solo, plantación, custos de cultivo, emparrados, desinfección, nivelación do terreo, socalcamento ou protección de planta nova.
NOVO MARCO NORMATIVO PARA POTENCIAR O SECTOR
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar o decreto da Consellería do Medio Rural e do Mar polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia. Esta norma busca preservar o patrimonio vitícola de Galicia, nutrir a reserva autonómica de dereitos de plantación de viñedo para a súa posterior distribución entre os viticultores que os soliciten e promover un desenvolvemento sustentable do cultivo da vide, entre outros fins. O texto legal ten como fundamentos a refundición da normativa, a simplificación de trámites administrativos e o impulso da reserva galega de dereitos de plantación.
A diversificación da vitivinicultura amplía horizontes no ano de produción récord de uva na Ribeira Sacra
O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra aprobaba nos pasados días de xeito definitivo os datos de recollida de uva da pasada campaña. A cantidade total de uva vendimada foi de 6.999.560 quilos, o que supón a maior cantidade recollida pola D.O. Ribeira Sacra desde a súa posta en marcha. No mercado converteranse en 5.139.029 litros de viño. A campaña 2011 ademáis tira outras cifras que a Denominación daba a coñecer a primeiros de marzo. Os concellos con maior número de hectáreas inscritas son, por esta orde, Pantón, Sober e Chantada. Os municipios con máis viticultores inscritos serían os mesmos, pero en distinta orde, xa que Chantada sería o que máis ten, seguido de Sober e Pantón. En canto ao número de adegas, a maior parte instálanse en Sober, con 36 empresas transformadoras no seu termo municipal, 19 en Chantada e 8 en Pantón. O Consello considera que estas cifras “sumadas á crecente demanda dos nosos viños, avalan a traxectoria ascendente da Denominación”.
COSMÉTICA A PARTIR DA UVA MENCÍA
Por outra banda, dentro dos actos programados con motivo da celebración da XXXII Feira de Amandi, tivo lugar a presentación dunha liña de produtos cosméticos elaborados con uva mencía. Durante o evento, que se celebrou na Rectoral de Amandi, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, destacou a importancia da diversificación no sector vitivinícola, e a importancia de empregar esta singularidade como selo promocional da Ribeira Sacra no exterior.