A cidade do Cabe inicia en abril os actos en conmemoración do bicentenario do nacemento do Doutor Casares

Monforte honra a un dos grandes da historia da ciencia en Galicia

A figura do químico monfortino Antonio Casares Rodríguez protagoniza, no ano en que se conmemora o bicentenario do seu nacemento, o Día do Científico Galego. Esta iniciativa, promovida pola Real Academia Galega de Ciencias, recoñece ao Doutor Casares polo seu labor pioneiro en múltiples aspectos da vida académica e investigadora, non só de Galicia senón de toda España.

“O MELLOR CIENTÍFICO GALEGO DO S. XIX”

Durante a presentación das actividades que se celebrarán en Monforte para conmemorar esta efeméride, o rexidor local, Severino Rodríguez, cualificou ó Doutor Casares como “o mellor científico galego do século XIX”, e destacou catro facetas da súa dilatada carreira “polas que, entre outras, merece o xusto recoñecemento que este ano lle tributan varias institucións, e entre elas o Concello onde naceu”. O Alcalde destacou ao Doutor Casares como o pai da química galega, o científico responsable da elaboración dos primeiros anestésicos utilizados en operacións cirúrxicas en Galicia, a primeira persoa en obter luz eléctrica mediante arco voltaico en España, e o químico que caracterizou por primeira vez as augas medicinais galegas realizando a súa análise e definido a súa utilidade médica.

PIONEIRO NA ANESTESIOLOXÍA

Pola súa parte, o Presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, Dr. José Carro, comentou as aportacións senlleiras do Doutor Casares á mellora da praxis médica, sendo o primeiro en utilizar o éter e o cloroformo nas anestesias, en realizar á análise das augas medicinais e en estudiar as accións médicas de diversos compostos farmacéuticos.

SESIÓN EXTRAORDINARIA DA REAL ACADEMIA EN MONFORTE

En canto ao programa de actividades na honra desta figura senlleira da ciencia galega, a concelleira de Cultura, Pilar López, explicou que o próximo 28 de abril celebrarase en Monforte unha sesión científica extraordinaria da Academia de Medicina. Este evento abrirá o calendario de actos en conmemoración do científico monfortino, e que se extenderán ata abril de 2013. Pilar López informou de que ó longo deste ano, e con datas por determinar, realizaranse charlas divulgativas dirixidas ós estudantes e á terceira idade, faranse xornadas sobre termalismo e augas medicinais, e publicarase, en colaboración co catedrático de Química Aplicada D. José Antonio Rodríguez, o libro “Tratado práctico de análisis químico de las aguas minerales y potables”.

ACTIVIDADES DIVULGATIVAS

A concelleira de Cultura anunciou que o servizo de Anestesia do Hospital Comarcal levará a cabo diversas actividades, e que o Concello colaborará coa UNED, coa Fundación Barrié de la Maza e coa USC na realización de actos divulgativos da figura do Doutor Casares dirixidos tanto ós estudantes como ó público en xeral. Finalmente, o 12 de abril do 2013 colocarase unha placa conmemorativa na rúa que leva o nome deste ilustre persoeiro monfortino.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Biblioteca Municipal de Chantada iniciou un ciclo de actividades que se prolongarán durante o Mes do Libro.

Seguinte Nova

Visita a Sober

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: