O libro e as Letras Galegas, eixo da actividade cultural para este trimestre en Sober

O concello de Sober ven de poñer en marcha un intenso programa cultural en torno aos libros. Co gallo da celebración, o próximo 23 de abril, do Día Internacional do Libro, e a efeméride en maio do Día das Letras Galegas, dende o goberno municipal deseñaron unha serie de actividades que engarzan a animación á lectura coa aproximación ao teatro e o fomento da creatividade a través da investigación na obra do escritor Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

BOOKCROSSING POR SOBER

O programa de actividades arrincou o pasado 2 de abril, que conmemoraba o Día do Libro Infantil e Xuvenil, deuse lectura na Biblioteca Municipal de Sober ao manifesto do escritor Francisco Hinojosa, e a continuación desenvolveuse un Bookcrossing (intercambio gratuito de libros colocados en diversas localizacións exteriores) ó longo de diferentes lugares emblemáticos do Concello de Sober, como Cadeiras, Os Chancís, os Miradoiros e Prazas da capitalidade municipal, entre outros.

LIBROS E MÚSICA

Adiántase ao 20 de Abril a celebración do Día Internacional do Libro en Sober, coa actividade titulada “Escolle un libro”. Durante toda a xornada instalarase un posto no Centro Sociocultural de Sober, onde cada persoa poderá elixir un libro de agasallo, ao tempo que Lorena Domínguez Losada interpretará “Teatro con sombras”. O 27 de Abril celebrarase ás 17 h. un obradoiro de teatro para nenos na biblioteca municipal. Xa en Maio, o día 4 dará comezo o Concurso de debuxo e narración Letras Galegas 2012, e os premios entregaranse o 1 de Xuño. Asimesmo, dentro do programa Primavera Musical de Xuventudes Musicais de Sober o Cuarteto de Saxos Art Sound ofrecerá o día 5 de Maio un concerto a partir das 20 horas. Pola súa banda, o programa Letras Vivas ofrecerá a actividade “Adiviñanceiro Popular Galego”, na que se poderá participar o día 11. Xa o día 18, realizarase un collage sobre Valentín Paz Andrade, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Por último, o día 25 terá lugar un novo obradoiro de teatro para nenos. Todas as actividades agás o concerto terán lugar ás 17 horas na Biblioteca Municipal de Sober.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Visita a Sober

Seguinte Nova

Sarria, vila solidaria

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: