A Xunta oferta 700 prazas de estadías multiaventura para a xuventude na provincia

As estadías de fin de semana inclúen aloxamento, manutención e actividades

O programa “Roteiros”, que integra unha oferta de estadías de fin de semana multiaventura para a mocidade entre 18 e 35 anos, iníciase este mes de abril e prolongarase ata o mes de xuño. Na presentación desta iniciativa promovida pola Consellería de Traballo e Benestar, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicaron que na provincia de Lugo veñen de ser ofertadas un total de 688 prazas para estadías de fin de semana en catro centros da provincia.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na presentación do programa “Roteiros” para a provincia. GPCTB.

CARACTERÍSTICAS DAS ESTADÍAS

Segundo explicaron os responsables desta iniciativa, ditas estadías inclúen o aloxamento completo e a manutención dende a tarde do venres ata o mediodía do domingo, os desprazamentos ata o lugar de desenvolvemento da actividade multiaventura, así como as propias actividades e os materiais requeridos para a súa práctica. O programa de ocio inclúe kayak, bodyboard, rutas en bicicleta, escalada, e tamén visitas a museos, entre outras actividades. As estadías do programa “Roteiros” desenvolveranse no entorno do Complexo xuvenil LUG2 en Lugo, no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), no Albergue xuvenil Benigno Quiroga en Portomarín, e no Concello de Quiroga. Cada un deles leva asociado un programa específico de actividades nos que participarán 25 persoas cada fin de semana entre abril e xuño, excepto en Quiroga, no que os grupos serán de 22 persoas cada fin de semana en catro convocatorias.

ROTEIRO EN PEDRA VIVA

Deste xeito, o Complexo xuvenil LUG2, emprazado no concello de Lugo, acollerá o “Roteiro en pedra viva”, que abrangue actividades de escalada en rocha, rappel, xeocaching, cicloruta pola ‘Roma galega’, sendeirismo e role playing game, así como diversas actividades nocturnas.

ROTEIRO ACUÁTICO NA MARIÑA

Pola súa parte, a Mariña luguesa acollerá, no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), o programa “Roteiro en mar vivo”, que inclúe a realización dun raid de multiaventura terrestre polos arcos das Catedrais, e diversas actividades de multiaventura como bodyboard, kaiak, kaiak surf, escalada en rocódromo e tiro con arco. Este roteiro compleméntase coa realización dun raid multiaventura acuático e snorkel.

ORIXE DOS CABALEIROS DE SANTIAGO, E OCIO NO RÍO

O albergue xuvenil Benigno Quiroga, en Portomarín, será a base para o desenvolvemento do “Roteiro en río vivo”, coa práctica de barranquismo no Lor, sendeirismo acuático, ciclorruta polo río Miño e xeocaching. As actividades dentro deste roteiro inclúen unha visita ao lugar de nacemento da Orde dos Cabaleiros de Santiago, e un raid multiaventura polo leito do río Miño.

CULTURA E MONTAÑA A FONDO NO SUR DE LUGO

A espeleoloxía e o sendeirismo aproveitarán todas as posibilidades que ofrece a singular orografía de Quiroga, que incorpora ademáis visitas aos museos Etnográfico e Xeolóxico de esta localidade do sur de Lugo. Os interesados en participar no programa Roteiros en calquera das súas variantes poderán facer a reserva de praza hamando aos teléfonos 981 545937, 981 545702, 981 541689 e 981 545822 en horario de nove da mañá a dúas da tarde, de luns a venres.

CAMPAÑA DE VERÁN E CURSOS DE CONDUCIÓN SEGURA

Asimesmo, os responsables autonómicos adiantaron a programación prevista para os meses de xullo e agosto, destinada á xuventude a partir de 18 anos. Para a provincia de Lugo, a Campaña de Verán propón 118 prazas en dúas programacións. Por unha banda, ofértase a actividade “H20+18”, que se levará a cabo no Complexo xuvenil LUG-II nas fins de semana de xullo, e que inclúe actividades de kaiak de río, escalada en rocha do Monte Segade, rotas de BTT ou xeocaching nocturno. Por outra banda, o programa “Surfeando no Cantábrico” desenvolverase no Campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo nas fins de semana de agosto, con actividades de surf, sendeirismo, escalada en rochódromo e rotas de BTT. Asimesmo, está aberto o prazo para os cursos do programa LIBRE de condución segura no circuito de A Pastoriza, que se celebrarán nas fins de semana do 5 e 6 de maio e 12 e 13 do mesmo mes. Estes cursos teórico-práticos buscan a prevención dos accidentes de tráfico entre a mocidade.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Visita institucional á Unidade de Acción Formativa de Monforte

Seguinte Nova

Críticas pola eliminación da subvención autonómica á axuda no fogar

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: