Aposta pola sustentabilidade e a habitabilidade no medio rural

•A iniciativa do Club dos Renovables propiciará que os pequenos concellos accedan sen custe a auditorías enerxéticas • O Plan de Comunidades Veciñais financiará este ano o importe total das actuacións solicitadas polos veciños, que contarán con asesoramento técnico gratuito

O respecto ao medio ambiente, a xestión sustentable dos recursos e o mantemento das infraestruturas básicas nos núcleos poboacionais son os eixos de actuación polos que se veñen a rexir dende hai anos as políticas de apoio aos concellos e ás entidades veciñais dende a Deputación de Lugo. O apoio técnico e financieiro que esta institución ofrece a municipios e organizacións cidadáns para favorecer a habitabilidade e a sustentabilidade nos concellos lugueses presenta para este ano unha serie de novedades que, segundo os responsables provinciais, van en consonancia cos tempos de crise, nos que a Deputación entende que se debe intensificar as axudas e o traballo conxunto.

Un momento da presentación do Club dos Concellos Renovables, na que participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, e a Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo. GPDL.

AFORRO ENERXÉTICO PARA REDUCIR CUSTES

Este é o motivo polo que o organismo provincial ven de crear o chamado “Club dos Concellos Renovables”, iniciativa englobada no programa europeo Lug02 que permite aos pequenos municipios acceder a auditorías de eficiencia enerxética de xeito gratuito. Esta actuación, que se porá en marcha antes do verán, beneficiará a un total de 46 concellos, entre os que se atopan os de Bóveda, Láncara, Monforte, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao e Sober. O “Club dos Renovables” xurdiu despois de que a Deputación propuxera a todos os municipios de Lugo outras iniciativas de aforro medioambiental, acadando a adhesión dun 70% dos concellos da provincia. As medidas de aforro enerxético xa se están a aplicar nos concellos “co obxectivo de reducir os gastos correntes e afrontar a difícil situación económica que teñen moitos deles”, explicou o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. A finalidade desta actuación provincial “é atender unha demanda existente hoxendía nos concellos, ademais de alivialos dun custe que, agora mesmo e por si sós, non poderían levar a cabo”, indicou Besteiro. O titular provincial aportou cifras: unha auditoría enerxética pode acadar os 10.000 euros, mentres que a factura eléctrica dun concello medio (en torno aos 5.000 habitantes), ronda os 200.000 euros, “unha gran carga económica para os municipios”.

ACTUACIÓNS CONCRETAS

O traballo no aforro enerxético estábase xa a aplicar no ámbito do alumeado público, como explica Roberto Castro, concelleiro en Ribas de Sil, aínda que agora, e a través da adhesión á iniciativa do “Club dos Renovables”, poderán traballar en reducir os custes das instalacións municipais. As auditoría enerxéticas que ofrece a Deputación permitirán reducir os custes do consumo enerxético en edificios de titularidade municipal, empezando pola Csas Consistorial e, ademáis, noutro edificio que propoñan as entidades locais, como o colexio e o pavillón deportivo no caso de Ribas de Sil, “xa que estes dous edificios están vinculados”, apuntou Roberto Castro. A repercusión do aforro vai máis aló da administración municipal; como apunta Castro, “a administración autonómica tamén se vai beneficiar desta medida, xa que a calefacción do colexio corre a costa da Consellería de Educación, á que lle transmitiremos a aplicación desta medida favorable para todos”.

Besteiro estimou nun 25% a redución da factura enerxética municipal nos concellos logo da aplicación das medidas que a auditoría suxira en cada caso, e que abranguen o consumo eléctrico a través da instalación de dispositivos de baixo consumo nestes edificios, así como de reguladores e válvulas termostáticas na calefacción e de programadores de rego.

AFORRO TOTAL PARA AS COMUNIDADES VECIÑAIS

Por outra banda, e seguindo as políticas de cooperación estratéxica co medio rural, os responsables provinciais presentaron as novidades que para o 2012 inclúe o Plan de Comunidades Veciñais, que está dotado este ano de 2 millóns de euros, e destinado a dotar ao rural de servizos básicos e loitar así contra o despoboamento. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, informou de que “por primeira vez, finánciase ó 100% o custe das obras que soliciten as comunidades veciñais, e ofrecemos tamén asesoramento técnico para a súa execución”, mentres que o ano anterior a Deputación sufragaba como máximo o 75% do presuposto de cada actuación, e as asociacións debían asumir o 25% restante. Martínez lembrou que a contía máxima que se poderá solicitar é de 12.000 euros, “para poder chegar a máis sitios e facer máis obras para mellorar a calidade de vida da xente do rural e frear a caída libre de poboación, a maior urxencia da provincia na actualidade”.

En pasadas anualidades, o Plan de Comunidades Veciñais serviu para acondicionar espazos diversos en diferentes puntos do sur de Lugo. No entorno rural, a disposición de locais sociais propios e o arranxo de fontes e mananciais constituíron as demandas primordiais nos colectivos veciñais, como en Santa Uxía de Asma (Chantada), onde se acondicionou o local social. Pola súa banda, as actuacións no ámbito urbano implicaron a humanización dos contornos nos barrios, coa mellora de accesos ou melloras en espazos específicos, como o arranxo dos vestiarios do campo de fútbol da Sociedade Deportiva de Bóveda. A preocupación dos veciños pola conservación do patrimonio cultural no eido rural singularízase no arranxo do entorno das pequenas igrexas, onde o adro e incluso os elementos interiores do templo veñen sendo obxecto de melloras polas entidades veciñais. O ano pasado, o retablo da capela de Ver (Bóveda) foi arranxado con cargo ao Plan de Comunidades Veciñais, e nestes días os veciños de Toirán (Láncara) inauguraron a capela trala restauración realizada polo organismo provincial dentro deste mesmo Plan. Para executar este proxecto, os veciños tiveron que constituír unha comisión, e trala inversión de 7.000 euros procedentes do Plan, recuperouse este monumento de gran relevancia patrimonial e relixiosa.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón aposta pola proxección turística coa futura rehabilitación integral do poboado da Chaira

Seguinte Nova

78 jugadores disputaron el Trofeo Xunta 2012 de Golf en Pantón

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: