• Os responsables provinciais de Benestar alertan dos riscos para a asistencia social en todos os concellos da provincia agás Lugo • Explican que o servizo ocupa a preto de 2.000 persoas, que poderían perder o seu traballo por esta medida
A publicación no BOE o 30 de marzo do Real Decreto 99/2012 de 16 de marzo, que exclúe da axuda pública por parte da administración autonómica os servizos de axuda no fogar en todos os concellos de menos de 20.000 habitantes desencadeou as críticas dos responsables provinciais de Benestar, e tamén de representantes políticos en diversos ámbitos locais e comarcais.
“AFONDAR NA FENDA SOCIAL ENTRE A GALIZA URBANA E A RURAL”
O vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado da Área de Benestar, Antonio Veiga, cualificou esta medida de “auténtico escándalo”, na medida en que “a Xunta de Galicia se desentende absolutamente da atención aos maiores na prática totalidade dos concellos lugueses”. Asimismo, Veiga denunciou que as repercusións sociais e laborais desta decisión da Xunta “vai afondar na fenda social entre a Galiza urbana e a Galiza rural, cando é esta a que concentra unha maior porcentaxe de poboación maior de 65 anos”. O titular provincial explicou que o custe deste servizo nos concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes é de 2.514.000 euros ao ano, cantidade “que non é asumible co presuposto das corporacións locais, sobre todo nun momento onde o Goberno do Estado lles obriga a aprobar un plan de axuste que limita o gasto social”.
“A AXUDA NO FOGAR DÁ TRABALLO A MÁIS XENTE QUE ALCOA, O CENTRO DE TRABALLO MÁIS IMPORTANTE DA PROVINCIA”
Pola súa parte, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, e portavoz do BNG na mesma, Mario Outeiro, apuntou que, para cubrir esta cifra, a “Xunta de Galicia demandaba da Deputación de Lugo que aportase para este servizo unha contía semellante á recollida no Plan Concertado de 2011, é dicir, 454.436 euros, unha cantidade a todas luces insuficiente e que é menor da que aporta nesta anualidade a propia Deputación, e que acada os 600.000 euros”. Por outra banda, Outeiro alertou das consecuencias que no eido laboral terá a retirada da aportación autonómica para o servizo de axuda no fogar. Segundo explicou o responsable provincial, “a prestación deste servizo dá traballo a 2.000 persoas, cifra superior á de Alcoa, o centro de traballo máis importante de Lugo, que ocupa a 1.700 persoas”, co que esta medida “significa poñer en risco a máis traballadores ocupados que en ningún outro centro de traballo da provincia”.
“ABDICACIÓN DA XUNTA NA OBRIGA SOCIAL”
Dende o ámbito comarcal, Ricardo Rodicio, responsable comarcal do BNG no sur de Lugo e concelleiro en A Pobra do Brollón, denunciou que esta medida da Xunta “obriga aos concellos e aos usuarios a pagar máis”, e “ven a corroborar que a Xunta se desentende dos servicios sociais comunitarios”. Rodicio lembrou a situación de indefensión que xerará esta medida, xa que “á axuda no fogar recurren persoas con desestruturación familiar, ou con enfermidades agudas incapacitantes ou con dependencias aínda non valoradas e recoñecidas”, e que suman case 30.000 persoas en toda Galicia. Rodicio insistiu en que “con este decreto, trasládase aos pequenos concellos unha competencia máis pero a Xunta abdica dela, cando a súa obriga é garantir este servizo”. O responsable comarcal do BNG no sur de Lugo anunciou que o seu grupo presentará mocións nos Concellos “para instar á Xunta a anular esta medida e recuperar a súa función de garante do benestar social”.