“Recoñecer o esforzo da cidadanía e mostrar o que facemos ó resto do Estado, para promocionar a imaxe de Monforte como cidade limpa e atractiva” foron os motivos que impulsaron ao Concello de Monforte, segundo explicou o seu alcalde, Severino Rodríguez, a presentar a candidatura da vila ao premio Escoba de Prata 2012. Este concurso de ámbito nacional, organizado pola asociación ATEGRUS dentro dunha iniciativa da Unión Europea, buscar premiar e difundir o bo facer no eido da xestión de residuos e do aseo urbanos, e tamén na elaboración de proxectos e desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sustentable do medio ambiente.

AGRADECEMENTO Á COLABORACIÓN DA CIDADANÍA
En relación a esta iniciativa, Severino Rodríguez explicou que a decisión municipal de presentar a candidatura de Monforte de Lemos ao premio Escoba de Prata 2012 partía da aplicación do novo sistema de recollida de lixo, que trouxo como consecuencia “que a cidade está máis limpa, a cidadanía desenvolve mellores práticas medioambientais e rexístrase unha redución na cantidade dos chamados residuos impropios, polo que o Concello paga menos a Sogama”. O alcalde de Monforte agradeceu á cidadanía “a súa colaboración” e solicitou “que se continúe no mesmo camiño, xa que o obxectivo final é ser un exemplo de cidade limpa, para o que dispoñemos do material e dos recursos humanos necesarios”.
PROMOCIÓN DE MONFORTE NA FEIRA INTERNACIONAL DE URBANISMO EN MADRID
O rexedor local apuntou ademais que o feito de presentar a candidatura ao premio Escoba de Prata 2012 ofrece a posibilidade a Monforte de estar presente cun stand propio na Feira Internacional de Urbanismo e Medio Ambiente (TECMA 2012), que se celebrará en Madrid do 12 ao 15 de xuño. Severino Rodríguez destacou as posibilidades que esto supón para a difusión de Monforte de Lemos como unha cidade respectuosa co medio ambiente.
CONCURSO DE MAQUETAS DE RECICLAXE, E PREMIO AO BARRIO MÁIS LIMPO
Neste mesmo stand estará exposta a maqueta gañadora do concurso que convoca a Concellería de Medio Ambiente para os centros de ensino, así como o nome do barrio gañador no concurso do barrio máis limpo da cidade. Segundo informaron dende a Concellería de Medio Ambiente, o obxectivo do concurso para centros de ensino é promover a concienciación de recuperación dos residuos de selectiva entre os estudantes de Monforte, de xeito que as xeracións, tanto presentes como futuras, poidamos axudar a mellorar a nosa calidade de vida e sustentabilidade dentro da nosa cidade. Segundo se especifican nas bases da convocatoria, poderán participar no concurso de Medio Ambiente todos os estudantes de entre 10 e 16 anos e educación especial, de todos os centros de ensino do Concello de Monforte, cun límite dun traballo por centro. O traballo consistirá na elaboración dunha maqueta de calquera dos monumentos de Monforte, sendo requisito imprescindible que a maqueta se elabore usando como mínimo tres elementos de reciclaxe (latas, botellas, tetrabrik, papel ou cartón, bolsas, etc), e que as súas medidas non excedan de 1m x 1m x 1m. Cada traballo debe ir acompañado dun texto ou narración explicativa sobre o monumento representado, que deberá estar escrita en galego. Asimesmo, deberá acompañarse o traballo presentado dun título, unha mensaxe didáctica final a modo de lema ou slogan, e a relación dos materiais empregados na elaboración da maqueta. O 15 de maio será a data límite para presentar os traballos na Oficina de Medio Ambiente do Concello de Monforte. Todos os centros participantes recibirán un agasallo e poderán exhibir os seus traballos na Casa da Cultura. Ao centro gañador corresponderalle un premio en metálico de 600€, que deberá ser destinado a sufragar algunha actividade relacionada co medio ambiente.
Pola súa banda, o concurso de barrios valorará os horarios nos que se deposita o lixo nos cubos e contenedores, como se verten os residuos, a recollida selectiva e os excrementos animais. Este concurso desenvolverase durante o mes de maio, e cada semana publicarase a puntuación dos tres primeiros clasificados según o criterio da empresa FCC e a delegación municipal de Medio Ambiente.
MÁIS E MELLOR SELECCIÓN DE RESIDUOS EN ORIXE
O concelleiro de Servizos, Xosé Lois Rivera, informou de que o novo sistema de recollida de lixo (cubeo e illas selectivas) en Monforte fixo posible que a cidadanía realice unha mellor selección de lixo en orixe, o que favorece a reciclaxe (e, polo tanto, a diminución dos residuos impropios, reducindo así a contía da penalización por parte da empresa encargada da súa xestión). Así, no 2011 rexistrouse con respecto ao ano anterior un incremento do 18 % na recollida de papel e cartón, dun 8,3 % na recollida de vidro, e dun 12,6 % na recollida de roupa usada. Asimesmo, Rivera destacou a importancia do cubeo na diminución da cantidade de residuos urbanos de materia orgánica que se están a rexistrar debido a unha maior e mellor selección do lixo e ó incremento da frecuencia de utilización do Punto Limpo. As cifras derivadas deste feito falan dun aforro de 13.723,35 € na factura que o Concello ten que pagar a Sogama polos últimos meses do 2011. Para o ano 2012 o Concello estima o aforro en 26.000€, polo que dende o goberno municipal instan á cidadanía a continuar “na boa liña da reciclaxe”, tanto polo seu impacto medioambiental como polo aforro económico que supón.