O comercio de proximidade amplía os horizontes de venda

Os comerciantes monfortinos poderán acceder á nova plataforma conxunta de venda on-line comerciogalicia. esque entrou en funcionamento a comezos deste mes. Esta nova ferramenta do comercio de proximidade foi presentada o pasado día 12 en Monforte pola directora xeral de Comercio, Nava Castro, que animou aos comerciantes da comarca a sumarse a esta iniciativa que permite combinar a actividade tradicional coa venda a través de internet.

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, explica aos comerciantes monfortinos as características da nova plataforma electrónica, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o presidente da Federación Galega de Comercio, José MªSeijas, e a presidenta do CCU de Monforte, Mª José Senra. Fed.Gal.Comercio

“ESCAPARATE CONXUNTO” DE ÁMBITO NACIONAL PARA O PEQUENO COMERCIO GALEGO

Durante o acto, que contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, do presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas, e da presidenta do CCU de Monforte, Mª José Senra, Nava Castro suliñou que esta plataforma permite aos comerciantes galegos non só vender máis aló da súa localidade, senón tamén fortalecer as vendas entre a clientela tradicional a través da modalidade de venda on-line. A plataforma comerciogalicia.es, impulsada pola Consellería de Economía e Industria e xestionada pola Federación Galega de Comercio, ten como obxectivo acadar a adhesión dun centenar de comerciantes ao longo deste ano. A directora xeral de Comercio lembrou que esta plataforma de comercio electrónico, que permite vender as 24 horas do día en calquer punto do territorio nacional, actúa asimesmo como “escaparate conxunto de venda por internet para o pequeno comercio galego”. Os responsables desta iniciativa informaron ademáis de que todos os comerciantes que se sumen á plataforma comerciogalicia.es recibirán asesoramento e formación para poder xestionar eles mesmos este novo espazo de venda.

TODO TIPO DE PRODUTOS CON TOTAL GARANTÍA

Para os consumidores, a plataforma comerciogalicia.es permite mercar nas tendas de sempre coas vantaxes do sistema on-line. A web www.comerciogalicia.es ofrece de xeito sinxelo a posibilidade de acceder a dez categorías de servizos: alimentación; roupa, calzado e complementos; electrónica e informática; deportes; ferretería e bricolaxe; electrodomésticos; ocio e cultura; mobles e decoración; coidado persoal e saúde; e automóbil. Unha vez seleccionada a categoría, o usuario accede a unha relación detallada de subcategorías, ao tempo que pode ir visualizando na pantalla un catálogo de produtos etiquetados co seu prezo. Ao premer na opción “comprar” do produto escollido, e antes de que se formalice a venda, o consumidor ten a oportunidade de visualizar a imaxe detallada da mercadoría, acompañada dunha ficha explicativa da súa orixe, características, funcionalidade, etc, así como da referencia do comercio onde está a realizar a compra telemática (nome do establecemento, enderezo postal e electrónico, teléfono e web se dispoñen dela). A web comerciogalicia.es ofrece servizos de pago e envíos unificados, e incluso a opción de venda por lotes.

CELEBRADA EN LUGO A PRIMEIRA REUNIÓN DAS MESAS DE COMERCIO DA PROVINCIA

Ao abeiro da Lei de Comercio Interior de Galicia, en vigor dende hai un ano, xurdiron as Mesas Locais de Comercio, coa finalidade de fomentar o diálogo e a coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución das políticas comerciais que lles afectan, e así potenciar e impulsar o comercio de proximidade.

“FORO DE DEBATE PARA O COMERCIO LOCAL, CONSUMIDORES E CONCELLOS”

O 12 de abril celebrouse na capital provincial a primeira reunión formativa e de coordinación das Mesas Locais de Comercio luguesas, á que asistiron numerosos representantes destes organismos en toda a provincia. Na reunión, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, lembrou que estes novos organismos son “un lugar de encontro, un foro de debate e participación onde teñen voz e voto o pequeno comercio, os consumidores e os concellos”.

FUNCIÓNS DAS MESAS LOCAIS DE COMERCIO

Asimesmo, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou que “coas Mesas Locais de Comercio preténdese que tanto comerciantes como consumidores sexan partícipes das políticas comerciais”. A provincia conta con 32 Mesas Locais de Comercio, constituídas nos concellos que contan cun mínimo de 20 comercios minoristas ou cunha asociación local de comerciantes. O resto dos concellos están representados na Mesa Local de Comercio da Deputación Provincial. Entre outras actuacións, as Mesas Locais de Comercio informan das campañas de promoción do comercio que se desenvolven con fondos públicos, incluídas as desenvolvidas polos concellos, elaboran informes para a realización de feiras de oportunidades e actúan como órgano consultivo nas cuestións que afecten ao comercio local. Tamén poden propor aos concellos medidas, iniciativas e propostas en materia comercial.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte limpo: un logro de todos na busca dunha imaxe impecable

Seguinte Nova

Pantón aposta pola proxección turística coa futura rehabilitación integral do poboado da Chaira

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss