Celebrarase o domingo 29 de abril no paseo da Horta da Farmacia
Cesteiría, pedra, madeira, bronce e moitas máis artes vanse dar cita na capitalidade de Samos o próximo 29 de abril. O paseo da Horta da Farmacia acollerá dende as 10 da mañá e de xeito ininterrumpido a unha trintena de participantes na I Xuntanza de Artistas e Artesáns da Comarca no Camiño, e que realizarán demostracións de cadansúa especialidade ao longo de toda a xornada no Palco da Música. Esta iniciativa partiu da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca, coa pretensión de poñer en valor a creatividade e o traballo de artistas e artesáns afincados na comarca de Sarria. Según explicou Jorge López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño na Comarca e organizador deste evento, “chamou moita xente de fóra da comarca para participar nesta xuntanza, pero explicámoslles que o obxectivo é promocionar de xeito monográfico a actividade artística e artesanal da comarca sarriana”.
A vocación de amosar o bo facer artístico e artesanal que bule nos sete concellos da comarca de Sarria fixo que os organizadores desta xuntanza proxectasen, por terceira vez consecutiva, o froito deste traballo nunha exposición que recupera este ano a itinerancia. O fluxo de peregrinos e visitantes que tradicionalmente dinamizan a vida da comarca imprimiu o espíritu da Exposición de Artistas e Artesáns do Camiño, que poderá visitarse en próximas datas en Portomarín, e durante todo o mes de agosto no Centro de Arte e Deseño (CENTRAD) da Deputación de Lugo. Según apunta Jorge López, este ano chegaron a un acordo coa Comisión de Festas de Sarria para adiantar a exposición e facela coincidir co día grande do San Xoán. A mostra de Sarria estará aberta dende o 23 de xuño ata o 30 de xullo, e poderá visitarse de catro a oito da tarde aproveitando o tempo de lecer dos peregrinos, e cumprir así coa súa función promocional para os que andan o Camiño.