Aforro por compra centralizada
A Deputación de Lugo ven de aprobar a segunda medida para facer posible o aforro de custes enerxéticos aos concellos da provincia. Recentemente, constituíase o “Club dos Concellos Renovables”, integrado por 46 municipios que aceptaron a proposta do organismo provincial para que a Axencia Provincial da Enerxía lles realice auditorías enerxéticas tanto na casa consistorial como noutro edificio municipal que escollan (colexio, polideportivo ou casas da cultura, por exemplo). Entre estes “Concellos Renovables” figuran os de Bóveda, Láncara, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, O Saviñao e Sober, na zona sur de Lugo. Deste xeito, estes concellos poden detectar posibles problemas de eficiencia enerxética e plantexar fórmulas de optimización. Estas auditorías tiveron custe cero para as arcas municipais, xa que a Deputación asumiu o 100% dos custes, aforrando ós concellos os 10.000 euros que supoñen a prezo mercado.
MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS DE AFORRO PARA OS CONCELLOS
Un paso máis na estratexia de aforro municipal supón a firma do primeiro acordo marco polo que a Deputación dotará aos concellos de equipamento enerxético sen que teñan que asumir o seu importe. Segundo explicou o voceiro do grupo provincial socialista, Manuel Martínez, a institución provincial pactará cun máximo de seis empresas e cun mínimo de tres a adquisición e instalación en dependencias municipais de lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza. Coa adquisición do equipamento axeitado, “a factura municipal de luz pódese reducir nun 25%”, explicou Martínez. O voceiro socialista no ente provincial apuntou que só os gastos de luz nun concello de 5.000 habitantes ascende aos 200.000 euros. A Deputación de Lugo asumirá a totalidade dos custes destas actuacións con cargo aos fondos europeos, procedentes do programa medioambiental Lug02, cofinanciado nun 70% pola Unión Europea. Así, a Deputación afórralle aos concellos preto de 1.100.000 euros.