A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha rolda de sesións informativas pola zona sur de Lugo

PLADESAPU analiza as consecuencias dos recurtes no sur de Lugo

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte ven de iniciar nestes días unha rolda de reunións informativas cos diversos colectivos locais, que continuará ao longo do mes de maio nos locais sociais das parroquias monfortinas. Ademáis, estarán presentes na Feira de Viño de Vilachá para informar aos visitantes sobre as súas reivindicacións, logo de convocar ese mesmo día, o domingo 6 de maio ás 11 horas, unha recollida de sinaturas na rúa Cardeal de Monforte. O día 7 de maio asistirán ao pleno do Concello de Monforte, e ó día seguinte está previsto un encontro cos partidos políticos con representación local, sindicatos e coa delegación territorial da Xunta na provincia. As mobilizacións culminarán o domingo 13 de maio cunha concentración na Praza de España de Monforte a partir das 19 horas.

Imaxe de arquivo do cheo absoluto na pasada convocatoria informativa organizada por PLADESAPU en Monforte . Arquivo EC.

AS CIFRAS “REAIS” DO GASTO SANITARIO

En relación coas novas medidas do Goberno central no eido sanitario, os portavoces de PLADESAPU-Monforte falan dun “ataque sen precedentes á Sanidade pública co fin de desprestixiala, botándolle a culpa de ser un saco sen fondo, e unha das responsables da crise económica que padecemos”, todo iso “para xustificar dalgún xeito as medidas que está a tomar o Goberno”. En apoio desta afirmación, os portavoces da Plataforma afirman que “Galicia nos últimos anos non só non gastou máis, senón que o gasto sanitario público diminuiu, sendo en 2012 o 6,05% del PIB en contraste co 6,70% que acadou en 2009”. Na comparativa que aportan con respecto a outras comunidades autónomas, o gasto por habitante en Galica é inferior que o de Asturias e o de Castela-León, cunhas cifras cada vez máis baixas dende 2010 (pasando de 1.333,39 euros por habitante no 2010 a 1.262,77 euros en 2012, mentres que en Asturias pasouse de 1.507,15 euros por habitante en 2010 a 1.530,90 euros en 2012; Castela-León tamén ten un gasto maior por habitante, que se mantén, xa que en 2010 supoñía 1.360,62 euros por habitante, e en 2012 está en 1.353,00 euros).

CRÍTICAS A NÚÑEZ FEIJÓO

Os recortes levados a cabo nos últimos anos pola Xunta de Galicia levan, segundo a Plataforma, “a un deterioro progresivo da asistencia, con redución de plantillas, non cobertura de xubilacións de profesionais, perda de prazas en atención primaria no noso entorno, aumento das listas de espera, etc”. Os portavoces deste colectivo insistenten en que “a isto ten que se sumar a intención de suprimir a Área sanitaria de Monforte a pesar do prometido, e non cumprido, por Núñez Feijoo de sacar o decreto que garantiría a Monforte como Área de Xestión Integrada propia e non dependente de Lugo, e polo que aínda estamos a agardar”.

CONSECUENCIAS DO COPAGO POLOS MEDICAMENTOS DOS PENSIONISTAS NA ZONA DE MONFORTE

Os responsables de PLADESAPU tamén criticaron o “amén” de Núñez Feijóo á implantación do copago de medicamentos polos pensionistas, “o que supón un grave prexuízo para a nosa cidadanía”, xa que “na área sanitaria de Monforte, co índice de poboacion máis avellentada de Galicia, cunhas pensións medias das máis baixas do Estado, cada pensionista que tome algunha medicación crónica vai ter que pagar como minimo 8 euros ó mes (96 euros ó ano)”. Asimesmo, dende PLADESAPU insisten en que “o máis grave é que introduce por primeira vez o “copago” (en realidade, re-pago) no sistema sanitario, e a partir deste momento as portas quedan abertas para ilo ampliando a outros servizos sanitarios, como dietoterapia, osixenoterapia, ortopróteses e transporte programado”.

CRÍTICAS AO DESPIDO POR CAUSA DE BAIXA MÉDICA

As consecuencias da aprobación do copago dos medicamentos tamén deixa consecuencias para os traballadores en activo, “porque aumentará ata o 50%, pero neste caso o máis grave será a “contra-Reforma” Laboral que afectará á saúde da cidadanía porque introduce como causa de despido estar 8 días de baixa médica en 2 meses, aínda sendo xustificada”. Os portavoces de PLADESAPU alertan de que, con estas medidas, “non se pode enfermar porque a alternativa será que te boten á “rúa””.

DESMANTELAMENTO DO SISTEMA PÚBLICO DE SANIDADE

A Plataforma, que leva anos reivindicando “un sistema sanitario público, gratuito e de calidade”, valora como moi negativas, “ademais de profundamente inxustas e insolidarias”, as medidas que están a tomar os gobernos central e autonómico, “que amparándose no estado de shock que vive a sociedade, están a desmantelar un sistema sanitario que funciona razoablemente ben e non é caro en relación ao PIB e en relación aos países do noso entorno”. Alertan dunha “privatización subxacente” nas medidas que se están a adoptar polo Goberno, “que pretende deixar un sistema público para pobres, unha especie de beneficencia, e convén que saibamos que “uns servizos públicos para pobres acabarán sendo uns pobres servizos públicos”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Axudas para achegar internet por satélite ás zonas do rural sen cobertura

Seguinte Nova

Formación e emprego para 900 persoas no eido agropecuario e forestal

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

 
A %d blogueros les gusta esto: