A Consellería de Economía e Industria destina preto de 1 millón de euros á liña de financiamento que facilita que as pemes produtoras de uva poidan cobrar canto antes o 100% dos pagos pola venta das súas colleitas. O obxectivo desta liña é facilitar o financiamento das canles de distribución da uva da última campaña de cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras. Co apoio da Xunta faise posible que os produtores cobren antes as súas producións, evitando que soporten excesivas cargas financeiras e favorecendo a súa viabilidade económica.
Ademais, este mecanismo tamén achega unha maior seguridade xurídica e facilita ás pemes produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda das súas producións. O prazo para as solicitudes nas entidades financeiras remata o 12 de xuño. As entidades adheridas son NCG Banco, BBVA, Banco Gallego e Caixa Rural Galega, aínda que a liña financeira está aberta á incorporación de novas entidades.