Axudas para achegar internet por satélite ás zonas do rural sen cobertura

A Xunta investirá máis de 1 millón de euros no acceso a internet vía satélite

Un momento da firma do acordo pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na sede do concello de Tordoia. GPMRM.

O Plan de Banda Larga da Xunta para dotar de acceso a internet ao 100% dos galegos chega á súa última fase. O 6% da cidadanía que aínda non poden dispoñer deste servizo a través da tecnoloxía habitual poderá acceder a internet vía satélite en virtude do acordo firmado nestes días entre a Consellería de Medio Rural e do Mar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). As responsables de ambos departamentos, Rosa Quintana e Mar Pereira, respectivamente, asinaron na sede do concello coruñés de Tordoia un convenio polo que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achegará 2,4 millóns de euros no periodo 2012-2014. O obxectivo desta última liña prevista no Plan de Banda Larga inclúe, ademáis do acceso a internet vía satélite nas zonas aínda sen cobertura, un programa de axudas para que as microempresas do rural implanten as TIC no seu modelo de negocio. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que esta colaboración entre Agader e Amtega supón un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural.

EQUIPARACIÓN DA CALIDADE DE VIDA ENTRE O RURAL E O ÁMBITO URBANO

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que esta colaboración entre Agader e Amtega supón “un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural”. Quintana subliñou que esta acción “fomenta a mellora da competitividade das empresas destas áreas, un aspecto fundamental na innovación e o progreso do rural”. Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que coa sinatura deste acordo “o Goberno galego cumpre co compromiso de ter en marcha todas as actuacións do Plan de Banda Larga este ano”, e avanza un paso máis “na implantación de infraestruturas de telecomunicacións que permitan ter unha Galicia conectada e en condicións de respostar ás necesidades da sociedade da información”.

AXUDAS A PEQUENAS EMPRESAS

Segundo informaron as responsables de Medio Rural e de Amtega, máis de 1 millón de euros desta liña orzamentaria destinarase á conexión a internet vía satélite, e os 1.323.000 euros restantes á axudas a microempresas asentadas no ámbito rural para que poidan implantar as TIC no seu modelo de negocio. Estas axudas están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software específico, como programas para o traballo en rede, facturación e contabilidade, e-comercio, e deseño específico, entre outros.

ZONAS ILLADAS, DISPERSAS E OROGRAFÍA COMPLICADA

Os 168.000 galegos que aíndanon poden ter acceso a internet será obxectivo desta nova actuación, destinada ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet é só e posible vía satélite. Trala sinatura deste convenio, a Xunta prevé publicar antes do verán unha convocatoria de axudas das que poderán ser beneficiarios os cidadáns, as pemes e as entidades sen ánimo de lucro con enderezo en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. A subvención sufragará os gastos de instalación e equipamento para poder acceder ao servizo de conexión a Internet vía satélite. As axudas tramitaranse a través das empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta. Deste xeito, esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar este sector, composto principalmente por pequenas e medianas empresas.

PLAN DE BANDA LARGA: A GALICIA CONECTADA

A día de hoxe, o Plan de Banda Larga da Xunta reduciu a poboación sen cobertura en Galicia nun 61% respecto a 2009. Coas cinco actuacións postas en marcha dotarase de acceso á rede ao 94% da poboación en 2013, o que supón que 2.632.000 galegos contarán con cobertura de banda larga.En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con cobertura de banda larga chegase a preto do 90% fronte ao 70% existente en 2009. A posta en marcha destas iniciativas está a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2010 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 20% a un 10%, e grazas ao Plan en 2011 esta porcentaxe diminuíu ata un 5,5%.

Novos cursos da Aula CeMIT en Monforte e Sarria

Están en marcha as novas actividades integradas no Programa de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia, a través da Rede CeMIT. Na aula CeMIT de Monforte impartiranse os cursos de Posicionamento Web, Deseño Gráfico, e O Papel do Community Manager. A aula de Sarria acollerá, ademáis destes cursos, Televisión por Internet, Retoque Fotográfico, e Streaming de Video e Audio, ata setembro. A información sobre estes cursos e os correspondentes ao último trimestre do ano poderá atoparse na web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion, ou chamando ao número de teléfono 981 552 568.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Traballando para mellorar

Seguinte Nova

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha rolda de sesións informativas pola zona sur de Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: