150 patinadores en idade escolar participarán neste evento o sábado 28 de abril
O pavillón municipal de Deportes de Bóveda acollerá o sábado 28 de abril o Campionato Provincial de Patinaxe Artístico de Grupos de Show 2012. Dende as 12,30 horas, un total de 150 patinadores pertencentes a clubes e escolas de toda a provincia daranse cita en Bóveda nunha proba integrada no programa XOGADE, promovido pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, e en colaboración coas diversas agrupacións deportivas e federacións.
ANIMAR Á PRÁTICA DOUTROS DEPORTES NA IDADE ESCOLAR
Segundo explica o concelleiro de Deportes de Bóveda, Javier Domínguez, o programa XOGADE ten como obxectivo animar aos rapaces en idade escolar a praticar deporte, abrindo o campo a especialidades menos coñecidas que o fútbol ou o baloncesto. Bóveda acolle por vez primeira un evento deportivo que, como indica a súa denominación, aporta un ingrediente de “show”. O patinaxe artístico de grupos de show ofrece un espectáculo no que se realiza unha coreografía cunha idea, unha montaxe, un vestiario e unha música, de xeito conxunto e con gran protagonismo do efectismo propio dos espectáculos. Os participantes dividiranse en dous tandas, unha para grupos pequenos (de 6 a 12 persoas) e outra para grupos grandes (de 13 persoas en adiante). A puntuación da proba corre a cargo dun xuíz, nomeado pola Federación Galega de Patinaxe.
Según comenta Javier Domínguez, a iniciativa desta celebración está vinculada á aposta que dende o Concello de Bóveda se está a facer a prol dos deportes menos coñecidos (tiro con arco, artes marciais, patinaxe…). Este curso escolar, o colexio público comezou a impartir a especialidade de patinaxe, “con gran éxito, polo que decidimos plantexar á Xunta e á Federación a realización en Bóveda de esta proba, que conseguimos logo da evaluación das nosas instalacións deportivas, que resultaron ser un sitio fantástico para este evento”.