Formación e emprego para 900 persoas no eido agropecuario e forestal

900 persoas recibirán formación gratuita no Plan Integral Agropecuario Forestal para crear novas empresas neste sector

O impulso dos sectores agropecuario e forestal a través da formación de futuros empresarios constitúe o obxectivo do Plan Integral Agropecuario e Forestal presentado recentemente pola Deputación de Lugo. A entidade provincial promove esta iniciativa, que conta cun presuposto de 1 millón de euros procedentes dos fondos europeos dentro da segunda fase do programa Lug02.Segundo explicou o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, este Plan Integral permitirá que 900 persoas reciban, de xeito gratuíto, formación eminentemente prática para a creación de novas empresas vinculadas á agricultura e gandeiría ecolóxicas, así como ó aproveitamento forestal sostible.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, na presentación do Plan Integral Agropecuario Forestal. GPDL.

FREAR O DESPOBOAMENTO IMPULSANDO UNHA ECONOMÍA SOSTIBLE

Segundo indicou Gómez Besteiro, esta acción complementa as actuacións que, para frear o despoboamento e o abandono do rural a través da activación dunha economía sostible co medio ambiente, ven de poñer en marcha a Deputación de Lugo, como o programa Km0, o Centro de Despece de carne de caza ou o Centro de Recría de gando.

ADECUACIÓN Á ACTIVIDADE E RECURSOS SEGUNDO A ZONA

As actuacións do Plan Integral foron divididas por sectores e zonas, co fin de garantir, segundo destacou Besteiro, “a xeración do maior número de empregos e oportunidades económicas na provincia”, xa que o Plan Integral estructúrase conforme á concentración de actividades e recursos naturais de cada zona da provincia. Segundo esta planificación, as actuacións do Plan Integral vinculadas á agricultura ecolóxica centraranse no sur da provincia, co Pazo de Tor como centro de referencia, posto que nas comarcas de Chantada ou Lemos a superficie adicada ó cultivo ocupa entre o 30% e o 50%. A zona norte acollerá as actuacións en materia forestal, dado que acolle ó 30 % das empresas luguesas adicadas ao sector da madeira, e case o 70% deste territorio é superficie forestal. Por último, o impulso á gandeiría ecolóxica centrarase nas comarcas de Lugo, Terra Chá e A Fonsagrada, xa que os seus concellos concentran un alto índice de explotacións gandeiras de carne ou leite (entre 400 e 1.000 explotacións por concello). A Granxa Gayoso Castro será o centro de referencia destas actividades do Plan Integral.

IMPORTANCIA DA FORMACIÓN PARA EVITAR RISCOS LABORAIS

Unha vez localizadas as zonas e distribuidas as actuacións, os responsables do Plan Integral Agropecuario Forestal iniciarán unha fase de sensibilización e captación dos participantes, para logo dar comezo ao periodo de formación teórico-prática. Así, organizaranse un mínimo de 36 cursos formativos, de carácter gratuito e eminentemente práticos, para un mínimo de 900 participantes. Un exemplo da importancia destes cursos é a formación sobre riscos laborais no sector forestal; neste sentido, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral suliñou que o índice de sinestralidade no forestal incrementouse o pasado ano nun 10,12% debido á falta de formación específica, xa que un importante número de desempregados da construción se incorporou nese periodo ao sector forestal.

OBXECTIVO: CREAR EMPREGO NESTES SECTORES

Unha vez concluido o ciclo formativo, as empresas adxudicatarias das accións formativas deberán prestar asesoramento ós participantes para crear, alomenos, 15 novas empresas na provincia, repartidas por igual nos eidos da agricultura ecolóxica, gandeiría ecolóxica e aproveitamento forestal sostible.

A CALIDADE CERTIFICADA, A BAZA DE FUTURO PARA O AGRO GALEGO

O horizonte económico de Galicia pasa polo aproveitamento sostible dos recursos naturais. A agricultura ecolóxica como alternativa para o crecemento no sur de Lugo van crecendo constantemente. Un “sector punteiro” según Javier García Lozano, secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que creceu un 20% anual nos últimos tempos. As cifras falan por si mesmas: según explica García Lozano, o último balance superaría os 20 millóns de euros de facturación, acadando o 60% da produción certificada de Galicia. O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia aglutina a máis de 800 produtores e comercializadores inscritos no seu rexistro, dos que case un 20% pertencen ao sur da provincia. Aínda que o sector está a pasar un “momento problemático” pola reducción das subvencións, o secretario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia considera esta actividade como “un elemento fundamental para o desenvolvemento económico de Galicia”. “Nun contexto onde outras zonas produtivas están a abordar o mercado con cultivos extensivos, a única baza de Galicia está na especialización a través da calidade certificada”, puntualiza.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública convoca unha rolda de sesións informativas pola zona sur de Lugo

Seguinte Nova

100.000 euros para mellorar camiños en Gundivós, Santa Cruz de Brosmos e Doade

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: