Apoio aos colectivos familiares e deportivos
A Casa da Cultura de Monforte acollerá os días 9 e 23 de maio as dúas sesións do programa “Escola de Pais e Nais”, a partir das 19,30 horas, e contará con servizo de gardería durante a celebración. Esta iniciativa, organizada pola Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación, en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega xunto coa FAPACEL, ven de dar continuidade ás sesións formativas emprendidas en anos anteriores baixo a denominación “Aprender para Educar”.
FERRAMENTAS PARA EDUCAR NA RESPONSABILIDADE
Segundo explicaron os responsables desta iniciativa, o obxectivo é facilitar os medios para que pais e nais aprendan sobre o papel fundamental da familia na evolución das persoas. A Escola de Pais e Nais engloba tres conferencias distintas, dúas das cales serán impartidas en Monforte: “Coeducación: como educar os nosos fillos e fillas na igualdade”, a cargo de Lola Ferreiro, profesora e catedrática de Procesos Sanitarios, e “Educar na responsabilidade. Normas e límites”, impartida pola psicopedagoga Mercedes Mourenza Fernández.
ESPAZO DE REFLEXIÓN
O vicepresidente primeiro da Deputación, Antonio Veiga, fixo fincapé en que “con este programa desde a Área de Cultura queremos contribuír a darlle ferramentas ás ANPAS para a tarefa de formar os adultos do futuro”. Segundo explicou Veiga, estas ferramentas serán charlas de formación impartidas por especialistas de recoñecido prestixio en diferentes temáticas, “que tentarán crear un espazo de reflexión e de debate onde a educación e a formación dos nosos nenos e nenas serán o tema principal”.
A Deputación renova o seu apoio ao clube Calasancio
Antonio Veiga asinou recentemente co presidente do Club Polideportivo Calasancio, Juan Carlos Díaz Pérez, un convenio de colaboración entre a institución e o club, mediante o que a Área de Deportes da Deputación de Lugo aportará 10.000 para contribuír cos gastos xerados nesta tempada 2012, que ascenden a 85.000 euros. Esta aportación suporá sufragar máis dun 10% dos gastos xerados pola actividade deportiva do club. O monfortino Calasancio é un dos clubs máis representativos de Galicia no que se refire á canteira, e sobre todo polo gran labor social que realiza, “pois introduce no deporte ás crianzas desde as idades máis temperás”, puntualizou o Juan Carlos Díaz Pérez.