Os máis de 20 novos profesionais están a recibir formación na Academia Galega de Seguridade Pública
En proceso a contratación dun novo vehículo
A integración do parque de Bombeiros de Monforte no Consorcio Provincial ven de dar un novo paso, xa que este organismo publicou recentemente o concurso para a contratación dun camión BUL por un importe de 290.000 euros, destinado ás instalacións monfortinas. Os responsables provinciais informaron de próximas adxudicacións de equipamento por valor de 210.000 euros, co fin de dotar ao parque de bombeiros de Monforte cos mesmos medios que os demáis cinco parques que integran o Consorcio.
FORMACIÓN NA AGASP
A inversión no parque de Bombeiros de Monforte por parte do Consorcio Provincial inclúe asimesmo a formación dos máis de 20 novos profesionais, que están a realizar os pertinentes programas formativos na Academia Galega de Seguridade Pública, situada no concello de A Estrada. Esta formación específica, que rematará en maio, consta de máis de 300 horas lectivas, das cales un 60% son de carácter práctico.
ALTA PORCENTAXE DE INCENDIOS POR CAUSA DOMÉSTICA
A necesidade de garantir un eficiente servizo de asistencia fronte a emerxencias a través dun Consorcio Provincial de Bombeiros é o obxectivo desta iniciativa de integración. Ao tempo que se levan a cabo os investimentos para conquerir un servizo de calidade e que garanta a cobertura a toda a provincia, os informes de actuación elaborados polos responsables das instalacións contraincendios dos cinco centros xa integrados falan da importancia das incidencias domésticas na porcentaxe de emerxencias asistidas. Así, ata o mes de abril rexistráronse un total de 143 intervencións das unidades de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria e Chantada, das cales o 69% corresponderon a incendios. Destas emerxencias por lume, un 70% producíronse en vivendas por causas domésticas, tales como cortocircuitos en enchufes múltiples, e combustión de aparellos tipo campás estractoras, chemineas e incluso mantas eléctricas.
INTERVENCIÓNS NO EXTERIOR, E COMO APOIO ÁS BRIGADAS ESPECÍFICAS DE LUMES FORESTAIS
Por outra banda, os profesionais integrados no Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo asistiron tamén a diversas incidencias en espazos públicos durante o primeiro trimestres do ano. Das emerxencias contabilizadas, un 8% corresponderon a incendios de mobiliario urbano, un 6% a incendios en vehículos e algo máis dun 5% a lumes nos montes, acontecidos en Guitiriz, O Saviñao, Guntín e Sarria, e tamén fóra do ámbito de actuación dos parques. A intervención dos bombeiros do Consorcio Provincial na asistencia fronte a lumes forestais ten carácter de apoio ás brigadas especializadas, e o seu fin sería o de protexer persoas e vivendas. Houbo que rexistrar tamén varias intervencións por rescate de persoas, fugas de gas e auga, e limpeza de estradas por prevención.