O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra culmina a rolda de contactos coas institucións provinciais

As Deputacións de Lugo e Ourense renovan o seu apoio aos proxectos desta entidade turística supramunicipal

A mediados do mes en curso, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a xerente da entidade, Alexandra Seara, reuníronse cos responsables dos gobernos provinciais de Lugo e Ourense para valorar as posibilidades de dar continuidade ao respaldo de ambas Deputacións na xestión turística desta entidade supramunicipal de cara ao exercicio de 2012.

O CONSORCIO RIBEIRA SACRA, “UN EXEMPLO EXITOSO DE ENTIDADE SUPRAMUNICIPAL E INTERPROVINCIAL”

O resultado das xestións foi positivo para o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Segundo manifestou a xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Alexandra Seara, o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, recoñeceu que “son tempos difíciles”, pero tamén considera que “se ha de facer un esforzo, na medida do posible, que garanta esa tendencia da Ribeira Sacra a consolidarse como destino turístico de referencia, xa que doutro xeito estaríanse dando pasos cara atrás”. O presidente do goberno provincial de Ourense apuntou tamén que “o Consorcio é un exemplo exitoso de entidade supramunicipal e interprovincial de características organizativas complexas que persiste no tempo de xeito meritorio”.

RENOVADO O COMPROMISO DA DEPUTACIÓN DE LUGO CO CONSORCIO

Posteriormente, o presidente e a xerente do Consorcio de Turismo reuníronse co delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, para facer balance da colaboración de 2011 e estudar as posibilidades de renovación do convenio para 2012. Outeiro amosou “a súa total conformidade coa labor do Consorcio” e comprometeuse “a facer un esforzo para seguir apoiando á entidade en similares condicións que no pasado exercicio, a pesares dos recurtes do seu propio orzamento”. Asimesmo, o Consorcio de Turismo contará novamente para 2012 co respaldo da Secretaría Xeral para o Turismo con que se está a piques de asinar o convenio de colaboración con diversos proxectos, centrados na promoción e comercialización. Segundo comentaron dende o Consorcio, as tres entidades recoñecen a importancia de contar cun ente de xestión turística que aglutine ás diferentes Administracións e representantes do sector privado, e que ano tras ano sexa sacado adiante co esforzo e apoio unánime dos 21 concellos que o integran.

SECTOR PRIVADO

Asimesmo, o Consorcio participou nunha segunda mesa de traballo co sector privado do turismo no complexo de Augas Santas, en Pantón. As entidades Lugosur, Turisacra e a Federación de Hostaleiros de Terra de Caldelas, formaron parte desta xuntanza para establecer liñas de acción consensuadas. Segundo informaron os responsables do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, a creación dunha central de reservas conxunta e a definición de posibles estratexias comerciais ocuparon boa parte desta sesión de traballo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 2.000 persoas disfrutaron da XII Feira da Carne ao Caldeiro de Carballedo

Seguinte Nova

41 establecementos súmanse neste ano á certificación Q de Calidade Turística na provincia de Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: