Fomentar o consumo responsable dende a infancia é o obxectivo do acordo firmado polo Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Economía e Industria, e a Fundación Preescolar na Casa. Este obxectivo materializarase a través de distintas accións formativas e de información que se desenvolverán ao longo de todo o ano.
DIVULGACIÓN NO EIDO DO CONSUMO PARA 3.000 FAMILIAS
Segundo informaron a directora xeral de Comercio e presidenta da Fundación Preescolar na Casa, Nava Castro, e a presidenta da Fundación Preescolar na Casa, esta iniciativa permite achegar a actividade da Escola Galega de Consumo, que atendeu o ano pasado a máis de 10.000 usuarios no ámbito formativo e divulgativo, ás persoas e familias do medio rural, ámbito principal de actuación desta Fundación que desenvolve un programa de formación para pais e nais que atende de forma directa a preto de 3.000 familias en toda Galicia.
Entre as actuacións previstas inclúense programas de formación en materia de consumo dirixidos aos profesionais que traballan na Fundación e tamén ás propias familias, así como a elaboración de material divulgativo. Ademais, o acordo servirá para afondar na difusión dos dereitos dos consumidores e consellos sobre a seguridade dos produtos a través do programa da TVG Preescolar na Casa e medios de comunicación nos que ten presenza a Fundación.