O voceiro do Grupo Socialista no Concello de Monforte, José Tomé, criticou duramente “as políticas populistas” dos nove anos de goberno nacionalista no municipio. “A pesar de ter nos últimos anos unha situación económica moi boa polos ingresos adicionais ó presuposto, como foi o Plan E durante dous anos con preto de 6 millóns de euros, máis 1 millón de euros da Deputación de Lugo, máis o Canon Hidroeléctrico tamén da Deputación, e moitas outras axudas, o goberno de Severino Rodríguez dilapidou todo este torrente financeiro en políticas populistas”, apuntou Tomé, “que en nada serviron para que Monforte crecera e para que se dotara de infraestructuras productivas que fixeran atractiva a presencia de empresas en Monforte”.
CRÍTICA Á SUBIDA DE TAXAS
O feito de que o concello de Monforte se acollera ao plan de pago a proveedores promovido polo Ministerio de Facenda “era a solución menos mala”, según Tomé, aínda que “é consecuencia da mala xestión do goberno municipal nestes anos”. Fronte ás medidas de aumento da recadación proposto polo equipo de goberno, os socialistas criticaron a “espectacular subida” do 2.245% anual das taxas aplicadas aos taxistas, así como a proposta para que “entre a anulacións de exencións e o aumento do custe das instalacións, os Clubs de Monforte, pasarán de pagar 2.689 euros en 2011, a ter que pagar 53.817 euros en 2013, un aumento do 2.000% máis”. Según explicou Tomé, “os socialistas propuxemos recortar máis o gasto corrente e subir menos as taxas e os impostos que pagamos todos os monfortinos, porque hai moita xente que está pasando moitas dificultades e non se lles pode subir os impostos sen antes reducir gastos”. O grupo socialista no Concello de Monforte conseguiu unha modificación en diversas medidas do Plan de Axuste presentado polo goberno municipal, como “manter o IBI no 0,60 pasado o 2013, de xeito que baixa o 0,55 do 2013 en adiante, e recortar máis o gasto, 50.000 euros en gasto enerxético e 80.000 euros na Oficina de Rehabilitación, case sen carga de traballo, cun aforro total de 130.000 euros”.