Traballando para mellorar

O centro de ensino monfortino IES Daviña Rei foi o pioneiro na implantación da certificación ISO 9001 na provincia

A búsqueda da mellora no traballo realizado ou, o que é o mesmo, traballar cada vez mellor e con máis eficiencia é un dos retos de toda empresa. Máis aínda nun centro de ensino, onde a repercusión da calidade do servizo ofrecido (a formación do alumnado) ten unhas consecuencias superlativas no conxunto da sociedade. En base a este espíritu de superación, o IES Daviña Rei de Monforte ven demostrando dende o ano 2004 que a calidade é un dos seus emblemas, ao conseguir nesa data o certificado do Sistema de Xestión da Calidade de AENOR (Asociación Española de Normalización y Certificación) baseado na norma internacional ISO 9001. Dende entón, está a renovar estes obxectivos, nun camiño de constante revisión e mellora.

As responsables da auditoría de AENOR, reunidas co equipo directivo e o Responsable de Calidade do IES Daviña Rei. IESDR.

CONTROL DA CALIDADE

Segundo explica Sonia Ruiz Vargas, da delegación de AENOR en Galicia, o certificado de calidade ISO 9001 acredita que a entidade que o recibe cumple cos requisitos que establece a norma internacional ISO 9001 e que ten implantado un sistema de xestión de calidade que aposta pola mellora continua. Ruiz Vargas puntualiza que acadar esta certificación aporta ó centro de ensino “unha influencia moi positiva na súa competitividade, mediante a mellora dos procesos, unha maior implicación do persoal e o reforzo da confianza entre todos os públicos implicados no proceso educativo”. Isto quere dicir que tanto os docentes como os alumnos (cliente final do servizo educativo), e tamén o equipo directivo, pais e nais, e persoal de administración e servizos “teñen a posibilidade de saber cómo teñen que proceder, en qué teñen que mellorar, e ter presente tamén que sempre se pode mellorar”, como explica Vicente Docasar, director do IES Daviña Rei. Saber qué hai que facer en cada situación, ter as ferramentas precisas para poder analizar o grao de acerto de cada actuación, e acometer as solucións no momento oportuno “ofrece unha garantía a todas as partes implicadas no proceso de funcionamento do centro en todas as áreas”, explica Docasar. “É un traballo constante que garante o correcto funcionamento do centro non só no momento presente, senón tamén no futuro, xa que os novos profesores ou os novos alumnos son acollidos cun sistema perfectamente detallado de actuación, e así todo resulta máis fluido e é máis fácil traballar mellor, pois sempre sabe todo o mundo o que ten que facer, e incluso, como pode facer para melloralo”, suliña o director do IES Daviña Rei.

O manual de calidade é un documento básico que remite a todos os membros da comunidade educativa do IES Daviña Rei. EC

PROCESO QUE IMPLICA A TODOS

AENOR audita cada ano todos os centros certificados “para verificar que manteñen o seu compromiso co sistema”, comenta Sonia Ruiz. Un sistema que o propio centro monfortino foi pulindo nun extenso traballo de moitos anos, dende que no 2000 foron pioneiros ao asumir unha experiencia piloto xunto a outros cinco centros a proposta da inspección educativa. Como director do IES Daviña Rei, Vicente Docasar apostou con entusiasmo por levar adiante esta experiencia, “son un convencido do sistema de calidade”, ata o punto de que o centro monfortino foi o primeiro da provincia de Lugo en acadar o certificado ISO 9001. “Implicámonos ata o punto de actuar como centros tutores para a implantación do sistema de xestión da calidade noutros institutos, como o IES A Pinguela, que finalmente tamén acadou o certificado”, explica Docasar. A pesares do seu entusiasmo polas vantaxes operativas e de resultados que aporta este sistema, recoñece que “aínda se pode mellorar a receptividade por parte dalgúns profesores”. Os alumnos, en cambio, recibiron con naturalidade e boa disposición este modus operandi dende os comezos. “Aos delegados de clase se lles dá formación específica dos procesos que lle compete ao alumnado, e aos alumnos se lles informa del na incorporación ao centro e durante cada curso con regularidade”, explica Docasar. Pon un exemplo: “o buzón de suxerencias recibe os comentarios e aportacións dos alumnos, que pasan a ser procesados e rexistrados, para ofrecerlles unha resposta nun plazo duns días, ben a título particular se vai firmada, ou no tablón de anuncios se é anónima”, comenta o director do centro. “Isto a nós axúdanos moitísimo, porque nos detecta fallos nos procedementos, tanto no eido académico como en calquera aspecto do proceso de convivencia no centro”; o rexistro documental destes datos permite, no control mensual, precisar qué non está funcionando segundo as normas establecidas, e qué solución se pode dar a esta incidencia. Toda esta información será verificada pola auditoría anual, que determinará por qué tivo lugar a incidencia, qué se fixo para resolvela, e qué medida se pode arbitrar para evitala no futuro. “Iso é a xestión da calidade: programar o que queremos facer e cómo, despois facelo, logo comprobar se o fixemos conforme ás directrices que tiñamos fixadas e, unha vez tomadas as medidas oportunas, volver a comezar o proceso”, puntualiza Docasar. No IES Daviña Rei teñen moi claro como facer as cousas, según confirma a responsable de AENOR para a certificación deste centro; “o Daviña Rei está moi implicado no seu sistema de xestión de calidade, cun equipo directivo moi volcado na organización e con moitos anos de experiencia”, explica Sonia Ruiz. “O centro ten un sistema eficaz que cada día trata de ser máis eficiente, eles mesmos veñen de crear aplicacións para poder xestionar os procesos, como por exemplo cadernos do profesor”, comenta Ruiz Vargas, de AENOR.

Un “MD”, formulario clave no control de calidade. IESDR.

A CLAVE: O SOPORTE DOCUMENTAL

O sistema de xestión da calidade determina cada paso de todos os procesos desenvolvidos no centro educativo a través dun documento escrito, que eles denominan “MD”. Un “MD” é un formulario cun número de código para cada área e, dentro dela, para cada actuación, no que se rexistran todas as accións que hai que desenvolver no instituto, como facelo, como se fixo, e de ser o caso, por que non se fixo así e como resolvelo na próxima ocasión. Este control de procedemento abarca aspectos tan diversos como a matriculación dos alumnos, a fixación do orzamento anual, o plan de formación interno, a xestión do mantemento do centro (asunto sobre o que o IES Daviña Rei sorprende pola súa eficiencia, ao implicar ao profesorado dos módulos de formación profesional na reparación e instalación de sistemas eléctricos, de imaxe e son, e accións similares que aportan aforro, rapidez e unha imaxe impecable do equipamento das aulas). Os “MD” tamén sirven para xestionar as saídas educativas do alumnado, excursións, desenvolvemento das clases por cada profesor, grupo e asignatura, a avaliación académica, a formación do profesorado, a xestión de emerxencias… Pero o que podería converterse nun papeleo infinito e sen control transfórmase nun espazo de orde onde cada membro da comunidade educativa está centrado unicamente no seu eido de acción, mentres que a coordinación compete ao Responsable de Calidade, neste caso o Xefe de Estudios Amancio Rodríguez, co apoio do equipo directivo. A auditoría anual establecida por AENOR mide os procesos por separado para despois acometer a evaluación final co equipo directivo e o Responsable de Calidade do centro.

RESULTADOS DE CALIDADE

Todo traballo busca ver os seus froitos, e no caso da xestión da calidade hai que saber esperar. “A satisfacción e seguridade que produce saber cómo facer cada cousa en cada momento, e poder intervir aportando solucións ou melloras en cada paso xa é un froito en sí”, indica Vicente Docasar. “Este sistema fomenta a comunicación, tanto entre o profesorado como entre alumnos, profesores e dirección, e as enquisas enviadas periódicamente ás familias tamén nos iluminan para saber traballar mellor”, dice Docasar, ao tempo que proba documentalmente, “pois de certificación documental se trata”, que nos dez anos como centro certificado os resultados académicos son mellores, e se reduciron as cifras de abandono escolar na ESO.

Dos 28 centros, públicos e privados, que AENOR ten certificados en Galicia, cinco están na provincia de Lugo. Unha aposta explícita pola calidade que, según Docasar, “debería contar con máis centros implicados”. Porque o reto final non é para menos: “se melloras o servizo, acabas mellorando o sistema”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Casa da Cultura de A Pobra do Brollón acollerá unha cata de viños

Seguinte Nova

Axudas para achegar internet por satélite ás zonas do rural sen cobertura

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: