A figura de Valentín Paz-Andrade imprime na escola o seu espíritu laborioso e a prol da lingua

O IES Juan Montes de Lugo, premiado polo seu traballo “Colleita do 1898”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística promoveu o premio do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012, que implicou á comunidade educativa na promoción do homenaxeado tanto na elaboración dos materiais como na súa difusión

Na entrega do premio ao IES Juan Montes de Lugo estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o 1º tenente de alcalde do Concello de Lugo e concelleiro de Promoción Lingüística, Antón Bao, o xefe territorial na provincia de Cultura e Educación, José Jesús Ramos Ledo, e a directora do centro, Santos Mª Prado Castro, ademáis de representantes do profesorado e do alumnado. SXPL

Espíritu laborioso e amor pola lingua galega son os rasgos que, na lembranza que lle adica Galicia no Día das Letras Galegas 2012, sintetizan a figura de Valentín Paz-Andrade. Poeta, ensaísta, político comprometido e empresario de éxito, o perfil deste pontevedrés nacido en Lérez o 23 de abril de 1898 protagoniza a celebración da festa da nosa lingua. Dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística, órgano encargado da promoción do noso idioma, púxose especial fincapé no traballo de divulgación da obra de Paz-Andrade nos centros de ensino. Un dos principais vehículos para esta tarefa foi a convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012, que na modalidade de Infantil e Primaria premiou o traballo titulado “Paz-Andrade, galego de corazón”, elaborado polo CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Rianxo. Lugo recibiu o galardón na modalidade de Ensino Secundario, Formación Profesional e Bacharelato, a través do traballo “Colleita do 1898”, elaborado pola comunidade educativa do IES Juan Montes da capital lucense.

PAZ-ANDRADE, “HOME LABORIOSO E ACTIVO”

No acto de entrega do premio no centro de ensino lugués, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, salientou a implicación da comunidade educativa na lembranza de Valentín Paz-Andrade e na difusión da súa vida e obra, así como no coñecemento da época na que viviu.

FELICITACIÓNS DO CONSELLEIRO Ó ALUMNADO POLA SÚA “ESFORZADA TAREFA”

O conselleiro felicitou ó profesorado e ó alumnado do centro lucense “que acometeu a tarefa de elaborar esta exposición, tarefa na que de seguro estivo presente o espírito laborioso e comprometido de Valentín Paz-Andrade”. Vázquez Abad felicitou ós premiados “por serdes capaces de concentrar nos vosos carteis a vida e a obra dunha persoa tan esforzada, seguro que non foi tarefa doada”.

FOMENTO DO TRABALLO INTERDISCIPLINAR NOS CENTROS, E REFLEXIÓN SOBRE A SITUACIÓN DO NOSO IDIOMA

 Os traballos enviados a concurso presentan a obra e a época do autor homenaxeado dende unha perspectiva multidisciplinar, implicando no proxecto a varios departamentos do centro educativo. Este é un dos obxectivos que, ademáis da promoción lingüística, busca a Consellería de Educación, para fomentar a colaboración interdepartamental nos centros de ensino, así como a implicación activa de profesorado e alumnado, en especial dos equipos de dinamización da lingua galega. Asimesmo, esta actividade ofrece ós alumnos a oportunidade de reflexionar sobre a situación sociolingüística da nosa lingua no contexto histórico do autor homenaxeado. As dúas exposicións premiadas foron impresas para ser distribuidas en 1.800 puntos de Galicia e do exterior como material didáctico-divulgativo para centros de ensino, emigración, e bibliotecas, entre outros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cobro anticipado do PAC polas consecuencias da seca

Seguinte Nova

A financiación dos servizos sociais prende a polémica entre goberno autonómico e provincial

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: