“FAVORECER AOS AMIGOS COA AMNISTÍA FISCAL, E MACHACAR AOS QUE TEÑEN MENOS RECURSOS”
A primeira réplica xurdiu no mesmo Pleno provincial, cando Manuel Martínez lembrou que os populares “mentiron e minten” cando “dicían aos veciños antes das eleccións que non ía haber copago sanitario, e agora hai repago, que non ía haber recortes sociais nin suba de impostos, pero agora hainos”. O voceiro socialista na Deputación de Lugo aludía á amnistía fiscal “que o goberno do PP aprobou para os amigos, ou ¿fixérono para axudar ós traballadores ou pensionistas?” Na súa intervención, Manuel Martínez insistía en que a aplicación dun imposto do 10% a aqueles que decidan declarar as súas rendas logo de ocultarllas ó fisco (e que supón, según lembraba o voceiro socialista, a metade do 24% que pagan os contribuíntes que sí cumplen a lei) foi “imposta polas maiorías absolutas do PP para beneficiar ós grandes empresarios e rentistas”. O panorama que debuxan estas medidas “agrava as desigualdades sociais”, aínda máis cando o “medicamentazo supon que 120.000 maiores en Galicia cobran 200 euros menos ca media de España, situación non comparable aos catro cafés dos que falou o Goberno central”. Neste sentido, o deputado nacionalista Mario Outeiro, en representación do Executivo lugués, destacou que “a sanidade pública non ten un problema de sostenibilidade senón de financiamento, xa que a xestión política do Partido Popular, ao dispoñer menos recursos para esta partida, está a delatar as súas prioridades”.
O PP DE LUGO, ÚNICO EN ESPAÑA EN NON APOIAR A CONTINUIDADE DA FINANCIACIÓN DAS OBRAS MUNICIPAIS
A financiación do Plan de Obras e Servizos (POS) que acometen as Deputacións coa aportación das partidas recibidas do Ministerio de Administracións Públicas vese seriamente comprometida este ano, xa que os Presupostos do Estado só inclúen a partida necesaria para pagar o orzamento que se adebeda ás entidades locais do POS doutras anualidades. Segundo explicou o voceiro socialista, esta medida, unida ao recorte aplicado de máis de 62,9 millóns de euros para un orzamento que no 2011 foi de 83,6 millóns de euros, supón a imposibilidade de executar o Plan de Obras e Servizos deste ano. Martínez explicou que máis da metade dos 5,5 millóns de euros de investimento que tiña o POS en 2011 foi destinado a obras de competencia municipal, que se traduciron en mellora de accesos a pequenas localidades, pavimentación de rúas, abastecementos de auga, e acondicionamento de infraestruturas como sumidoiros, instalacións culturais, centros sociais ou alumeados públicos. O Plan de Obras e Servizos, cofinanciado pola Deputación, o Ministerio e os entes municipais, actúa como “un instrumento de cooperación cos Concellos que contribúe a frear o despoboamento no rural e o desemprego”, de aí que o voceiro socialista recriminara ao Partido Popular a súa eliminación “impoñendo uns Presupostos feitos con intereses partidistas”. Martínez destacou ademais o feito de que, mentres todas as Deputacións de España aprobaron por unanimidade instar ó Goberno central a manter o POS, o PP de Lugo votou en contra desta proposta. Martínez dixo que as contas da Deputación lucense seguen a manter a partida correspondente ó POS “porque poñemos os recursos desta institución ó servizo dos veciños”.
O DECRETO DA XUNTA SOBRE O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR, PUNTO ÁLXIDO DA POLÉMICA
A finais do mes de abril, e diante do decreto aprobado pola Xunta de Galicia conforme ó cal se elimina o financiamento do Servizo de Axuda Familiar (SAF) aos concellos menores de 20.000 habitantes (todos os da provincia agás a capitalidade), o vicepresidente da Deputación de Lugo e delegado da Área de Benestar, Antonio Veiga, convocaba a todos os alcaldes da provincia a unha xuntanza para analizar as consecuencias que tería esta medida para os municipios. Á reunión asistiron boa parte dos alcaldes e concelleiros de Benestar da provincia, á marxe das diferencias de cor política, e tamén persoal técnico da área de servizos sociais municipais. Os presentes acordaron formar unha comisión que representase a todos os concellos, cun portavoz por partido político (BNG, PSOE, PP e independentes) para dirixirse á Xunta e manter unha xuntanza a tres bandas (autonómica, provincial e municipal) e tentar de manter entre todos o SAF en Lugo. Finalmente, a comisión quedou integrada polo vicepresidente provincial, Antonio Veiga, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte polo BNG, Darío Campos, alcalde de A Pontenova polo PSOE, e Manuel Varela, alcalde de Chantada, pola opción independente. Segundo explicou Veiga, a retirada da axuda da Xunta ao SAF “significa poñer en risco a milleiros de persoas que poden quedar sen este servizo, xa que os concellos son incapaces de asumir a totalidade deste orzamento, que nos 66 concellos da provincia de Lugo que quedan excluídos do orzamento da Xunta é de 2,5 millóns de euros”. Veiga apuntou que “a Xunta demandaba da Deputación que aportase para este servizo unha contía semellante á do Plan Concertado 2011, un total de 454.436 euros, a todas luces insuficiente, e que é menor que a que destina este ano o ente provincial, 600.000 euros”.
CONTRARRÉPLICA DA XUNTA: “A DEPUTACIÓN DIFUNDE FALSEDADES PARA ELUDIR COMPETENCIAS”
Neste contexto, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou que según o decreto, que está “rigorosamente suxeito á legalidade e conta cos informes favorables da Asesoría Xurídica Xeral e da FEGAMP”, a Xunta segue a apoiar a todos os Concellos de Lugo na prestación dos servizos sociais, financiando a axuda no fogar das persoas dependentes e os traballadores sociais de “absolutamente todos os Concellos, independentemente do número de habitantes que teñan”, así como o SAF básico dos Concellos de máis de 20.000 habitantes. Na súa intervención, Arias lembrou que a Lei de Servizos Sociais de 2008, que determina o apoio que deben prestar as Deputacións aos Concellos de menos de 20.000 habitantes, establece que a Xunta realizará as transferencias necesarias ós Concellos nos supostos en que estes asuman competencias de titularidade autonómica (por exemplo, residencias da terceira idade), pero que “en ningún caso” se refire ó financiamento das competencias que son xa de titularidade municipal, como no caso do Servizo de Axuda no Fogar básico (SAF). Raquel Arias acudiu ós datos do 2011, segundo os cales a Xunta aportaría máis de 7 millóns de euros e a Deputación de Lugo “unicamente 540.000 euros”, “é dicir, de acordo co novo decreto, a Xunta de Galicia pagará para axuda no fogar na provincia de Lugo trece veces máis do que terá que pagar a Deputación do señor Besteiro”. A delegada territorial da Xunta en Lugo acusou ó presidente da Deputación de “adoptar unha postura totalmente demagóxica e desleal con relación ós servizos sociais”, xa que “rexeitou ata tres citas coa Consellería de Traballo e Benestar para abordar este asunto”. “Esta deslealtade é, tamén, cos concellos”, dixo Arias, “xa que o goberno provincial lles está negando unha axuda que por lei lles ten que dar”. Por iso, Arias acusou á Deputación de Lugo de “difundir falsedades sobre o novo Decreto de Servizos Sociais da Xunta, eludindo competencias e buscando o conflito e a rendibilidade política”. Raquel Arias anunciou ademáis que habería unha nova xuntanza entre ambas administracións, a solicitude do goberno provincial, para tratar este tema, “á que espero que acudan os responsables provinciais”.
ENCONTRO SEN ACORDO
As posturas de ambas administracións non acadaron un punto de encontro satisfactorio trala reunión do 10 de maio entre Raquel Arias, delegada da Xunta en Lugo, e Antonio Veiga, vicepresidente e delegado de Benestar da Deputación. Mentres Arias afirmou o seu ofrecemento “para asinar un convenio de colaboración para o mantemento dos servizos sociais básicos na provincia, oferta que está en pé dende xaneiro e que os responsables provinciais ignoraron”, Antonio Veiga manifestaba trala reunión que “se a delegada da Xunta non é capaz de conseguir nin un só euro para o SAF nos concellos lucenses é evidente que as súas competencias son nulas, e que estamos diante dunha figura que supón un gasto superfluo, polo que se queren recortar se cadra habería que empezar por aí”. Veiga declarou que trasladara a Arias a vontade xurdida da comisión de alcaldes de “desbloquear o problema e non crear outro engadido”, pero que “se a Consellería vai seguir ausente fronte os problemas da xente, haberá que ver que iniciativas se tomarán, sen descartar ningunha”. Pola súa parte, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou que “se houbo modificacións no marco normativo foi pola necesidade de desenvolver a Lei de Servizos Sociais aprobada no 2008 polo goberno bipartito da Xunta”, e amosou a súa “extrañeza” pola polémica desatada dende a institución provincial. “Creo que non convén enganar á xente de Lugo con dobres discursos”, comentou Arias.
“GRAVE IRRESPONSABILIDADE” DAS TRES ADMINISTRACIÓNS AO “DESMANTELAR” O SISTEMA ASISTENCIAL
Diante deste conflicto, outras voces alzáronse para facer ver a sorpresa xerada por este bloqueo político fronte a un tema de fondo calado social. O responsable de UGT-Lemos, Mario Docasar, falaba da necesidade de “non deixar abandoados” aos colectivos máis desfavorecidos, e aludía ó estudo da Secretaría Xeral do sindicato no que quedaba de manifesto que o 25% dos perceptores de pensións de pobreza de Lugo pertencen á zona sur da provincia, polo que esperaba que “os alcaldes presionen á Xunta e á Deputación para que continúen as subvencións ós Concellos”. En relación a este asunto, a formación sindical da comarca de Lemos considera “preocupante” a situación na que quedarán, tras estas medidas, os colectivos de maiores de 65 anos, discapacitados, familias con todos os seus membros no paro (agora mesmo superan as 900 familias), alcohólicos, mulleres maltratadas, enfermos mentais, familias sen recursos, inmigrantes e minorías étnicas. Asimesmo, o sindicato manifestou o seu apoio ao colectivo de traballadores sociais da provincia.