A Xunta declara Monumento Natural ó pregamento de Campodola-Leixazós en Quiroga

Asimesmo, a aposta do goberno municipal por unha marca de garantía para o aceite de Quiroga consigue o apoio do Parlamento galego

O pregamento de Campodola-Leixazós, no municipio de Quiroga, xa é Monumento Natural. EC.

A singularidade xeolóxica e produtiva das terras quiroguesas están a recibir neste mes de maio un recoñecemento oficial que, aínda que merecido, non deixa de ser froito dun traballo constante e decidido por parte do grupo de goberno municipal. O 7 de maio de 2012 o Diario Oficial de Galicia publicaba o decreto da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo que se declara Monumento Natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós. Este decreto sitúa a Quiroga no grupo dos oito monumentos naturais recoñecidos en Galicia, etiqueta que ten unha repercusión máis aló das nosas fronteiras, xa que é a Unión Europea a que garante en último termo a protección deste singular paraxe natural.

“FEITO EXTRAORDINARIO” PARA QUIROGA, E BLINDAXE PERPETUO PARA A PROTECCIÓN NATURAL DE CAMPODOLA

A repercusión desta declaración para o municipio foi calificada polo alcalde quirogués, Julio Álvarez, de “extraordinaria”. Como bo coñecedor deste longo proceso que agora culmina (xa que foi súa a idea de poñer en valor esta singularidade tectónica, “da que só hai exemplos similares en tres lugares do mundo”, apunta), Julio Álvarez declaraba a súa satisfacción porque Quiroga conte por fin entre os territorios naturalmente privilexiados e recoñecidos como tales tanto en Galicia como en Europa. Según explica o rexedor local, “o feito de acadar a “declaración de Monumento Natural” xa implica unha promoción de Quiroga, pero o máis importante é que con esta declaración, Campodola queda blindada para sempre como lugar singular e protexido, á marxe do discurrir político dos sucesivos gobernos”.

A AUTÉNTICA “PEL” DA TERRA TAL E COMO FOI HAI 300 MILLÓNS DE ANOS

O recoñecemento “nacional e internacional do importante valor xeolóxico deste escenario natural” queda recollido de xeito explícito no decreto da Consellería de Medio Ambiente. O pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós consérvase non só destaca pola súa “notoria singularidade, beleza e interese científico”, senón tamén porque, según recoñece o decreto oficial, se conserva praticamente intacto dende o Carbonífero inferior, isto é, aproximadamente dende hai 310 millóns de anos. Estes datos sitúan o pregamento de Campodola entre as máis particulares formacións xeolóxicas do mundo; resultado da deformación en forma de conca das capas do solo debido á acción continua e intensa dos movementos internos da terra, a erosión actuou de xeito que deixa á vista os antiquísimos estratos xeolóxicos que poucas veces poden percibirse. Algúns científicos xa sinalaron que o pregamento de Campodola non é só un dos puntos da xeoloxía estructural máis importantes de España, senón que se trata máis ben dun “espectáculo natural” que ten moi poucos puntos de comparación en todo o continente (só nos Alpes e nalgún punto dos Pirineos se atopa unha formación parecida).

QUIROGA, OS ÚNICOS GLACIARES DO NOROESTE PENINSULAR

A dimensión da importancia desta formación xeolóxica ía revelándose, según avanzaban os traballos de determinación desta área protexida, como unha auténtica singularidade. Según explica o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, “de seguida poidemos intuir que este pregamento ía ter o seu momento, a súa declaración oficial, o que podería atraer sen dúbida a un sector de poboación moi selectivo, vinculado ó mundo da natureza e do seu estudo científico (como xeólogos ou naturalistas), así que vimos a pertinencia de traballar na promoción turística deste tesouro, froito do cal é hoxe o Museo Xeolóxico de Quiroga”, comenta Álvarez. O seu entusiasmo polo que considera “o nacemento xeolóxico de Galicia e do continente no que nos tocou vivir” fixo posible levar a bo término todo un proceso técnico, científico, político e administrativo que se remonta a máis de dez anos atrás, aínda que o resultado só podía ser exitoso, “tendo en conta que Quiroga é o único territorio do noroeste español que ten glaciares, o que xa fala claramente da súa singularidade”.

REGULACIÓN PARA PROTEXER O ENCLAVE XEOLÓXICO E MAILA SÚA PAISAXE

Para preservar este entorno, o decreto de declaración de Monumento Natural establece unha serie de medidas para garantir non só a conservación dos valores que motivaron a súa declaración, senón tamén os usos tradicionais e recreativos da zona, que configuraron a paisaxe da contorna. Neste sentido, prohíbesen en todo o ámbito do monumento natural os campamentos, acampadas, actividades de alpinismo ou escalada; os desmontes e terrapléns, queimas, vertedoiros e verteduras de todo tipo; a colocación de anuncios publicitarios, construcción de calquer tipo de edificación e de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística do contorno, e os aproveitamentos mineiros. En canto á circulación de vehículos, fóra dos camiños e vías existentes, só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria vinculados á actividade agrícola e forestal da zona. Estas medidas de protección abranguen á totalidade da superficie declarada Monumento Natural, 90 hectáreas pertencentes ás comunidades de montes veciñais de man común de Campodola (75 hectáreas) e Leixazós ( as 15 restantes). O cumprimento desta normativa referida á conservación da natureza correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, encargada de vixiar polo cumplimento das normas de protección, e das sancións polas infraccións nas que se incurra. Asimesmo, a aprobación desta declaración de Monumento Natural trae aparellado un investimento económico para a elaboración do plan de conservación do monumento natural de 30.000 euros, cofinanciados cos fondos europeos Feder nun 70%, proxecto que se ha de renovar e presupostar de novo cada dous anos a partir da súa aprobación.

Julio Álvarez, alcalde de Quiroga. Arquivo EC.

O “OURO LÍQUIDO” DE QUIROGA, A UN PASO DA MARCA DE GARANTÍA

A posta en valor da riqueza paisaxística e produtiva de Quiroga acadou este mes un novo espaldarazo. O Parlamento galego aprobaba por unanimidade unha proposición do grupo parlamentario popular, impulsada conxuntamente co Concello de Quiroga, para que a Xunta de Galicia facilite a tramitación dunha “marca de garantía” (de tramitación moito máis sinxela e rápida que as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas) para o aceite de Quiroga. Este “segundo fito na historia do territorio de Quiroga”, según Julio Álvarez, permitirá amparar a potencialidade da produción do aceite de Quiroga, ao tempo que se apoia a súa promoción e divulgación para a súa comercialización. Esta marca de garantía pretende evitar a utilización fraudulenta do nome e da orixe deste produto galego, dando seguridade xurídica ao consumidor, respaldando a produción e apostando pola potencialidade dun produto que está a ver crecer a súa demanda no mercado e entre os consumidores “de aceite de calidade”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A financiación dos servizos sociais prende a polémica entre goberno autonómico e provincial

Seguinte Nova

Monforte esixe autonomía para o Hospital Comarcal

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss