Aumento dun 27% nas ventas de agricultura ecolóxica

Presentado o balance de 2011 do sector

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentou o balance da agricultura ecolóxica en Galicia para o 2011 acompañada do presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández. CMRM

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, deu a coñecer recentemente as cifras do sector da agricultura ecolóxica de Galicia correspondentes ao ano 2011. Quintana informou de que o valor da produción da agricultura ecolóxica certificada medrou en máis do tres mil por cento na última década en Galicia, acadando en 2011 os 21.887.551 euros, mentres que no ano 2001 o valor desta produción na nosa Comunidade foi de 576.375 euros. Na súa comparecencia, acompañada polo presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández, a conselleira destacou que este tipo de agricultura “supón un valor engadido para as producións agroalimentarias, facilita o acceso a novas oportunidades de negocio e sinala o camiño a seguir para moitas producións do agro”.

Quintana sinalou ademais que a Unión Europea aposta claramente por esta vía, o que se pon de manifesto en toda a normativa que a regula. A titular de Medio Rural destacou o incremento da profesionalización desta actividade, a través do crecemento da superficie cualificada e de produtores e elaboradores. Así a superficie inscrita no Craega medrou dende as 2.000 hectáreas do 2001 ás 15.000 actuais e o número de operadores (produtores e elaboradores) pasou de 217 en 2001 a 586 no pasado 2011, o que supón un incremento do 170%.

En relación á evolución no último ano, Rosa Quintana sinalou que entre 2010 e 2011 o número de operadores medrou nun 2,27%, a superficie inscrita incrementouse nun 8% e o volume de ventas creceu nunha porcentaxe do 27,7%. A titular de Medio Rural e Mar lembrou o compromiso da Xunta con este sector, a través, entre outras medidas, da concesión de axudas ao CRAEGA por un importe que supera os 500.000 euros entre os anos 2009 e 2011 e que na última década foi de máis de 2 millóns de euros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Festival de homenaxe a Pink Floyd en Salcedo

Seguinte Nova

O CIM de Sarria xa ofrece o servizo de teletradución para inmigrantes

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: