Actuacións da Xunta en infraestruturas rurais no sur de Lugo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou a próxima licitación das obras de reparación dun tramo de 7,6 quilómetros da estrada CG-2.1. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, informou que as melloras realizaranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,750 e 12,400, actuación que conta cun orzamento de licitación de 308.860 euros para a mellora xeral do firme e da sinalización. A delegada territorial da Xunta en Lugo explicou que os traballos consistirán nun fresado previo das zonas deterioradas e a posterior reposición da capa de rodadura onde se encontre con algunha fenda, para finalmente aplicar un microaglomerado en frío.
MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NUNHA ESTRADA “MOI IMPORTANTE NO SUR DE LUGO”
Raquel Arias visitou o tramo que será obxecto das melloras acompañada polo alcalde do Saviñao, Joaquín González, e o tenente de alcalde, Juan Carlos Armesto, así como o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María López Vega, e o xefe do servizo de Infraestruturas da devandita xefatura, Gerardo Pallares. Durante a súa visita, Arias suliñou que estes traballos suporán “una mellora da seguridade viaria da estrada, tanto pola reparación do firme como pola renovación das marcas viais e sinais verticais”. A delegada territorial da Xunta lembrou que este vial “é un importante nó de comunicación ao enlazar as comarcas de Quiroga e Monforte con Chantada e Santiago de Compostela”, e suliñou que “e en especial, é moi utilizada polos preto de 30.000 veciños e veciñas dos concellos de Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón e Sober”.
POSIBLES MELLORAS NA ESTRADA DE CHANTADA
O prazo de execución é de seis meses, polo que se espera que os traballos estean rematados ao longo do vindeiro ano. Asimesmo, Raquel Arias visitou a estrada LU-617, a antiga vía de comunicación entre O Saviñao e Chantada, e afirmou que a Consellería valorará a posibilidade de abordar obras de mellora no firme desta vía.