Monforte esixe autonomía para o Hospital Comarcal

A concentración de Monforte, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, pechou a intensa campaña de encontros cos axentes sociais e a poboación

Un momento da concentración en Monforte convocada por PLADESAPU. EC

Dous anos despois da histórica manifestación que encheu as rúas de Monforte de Lemos en defensa do Hospital Comarcal, a concentración convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) o pasado domingo 13 de maio congregou a preto dun millar de persoas que apoiaron, unha vez máis, as demandas deste colectivo. Axentes sociais, partidos políticos nacionalistas e de esquerda, sindicatos e empresarios amosaron o seu apoio expreso as reivindicacións de PLADESAPU e animaron á cidadanía a participar na concentración.

ÁREA SANITARIA “ÍNTEGRA E INDEPENDIENTE DE LUGO” PARA MONFORTE

A portavoz de PLADESAPU, Maribel García, deu lectura a un manifesto que recollía as tres principais reclamacións ao goberno de Núñez Feijóo e aos responsables da Consellería de Sanidade. Por un lado, a reivindicación da Área Sanitaria de Monforte “íntegra, con recursos propios e capacidade de planificar e xestionar, con interlocución directa coa Consellería e sen ser dependente de Lugo”. García explicou na lectura do manifesto que “defendemos isto como a mellor garantía para o futuro, e para que os recursos, cada vez máis escasos, non vaian quedar noutro sitio, porque se o xerente de verdade está en Lugo, os recursos irán para Lugo, por iso esiximos un xerente de xestión integrada en Monforte”.

A Praza de España de Monforte congregou a preto dun millar de persoas reclamando a autonomía do Hospital Comarcal. EC

PROTESTA POLA NON COBERTURA DE BAIXAS DE MÉDICOS E ENFERMEIROS NA COMARCA

Por outra banda, PLADESAPU lembrou que os recurtes en materia sanitaria están a mermar a Atención Primaria (polo sistema de non cubrir baixas ou vacacións en prazas de médico ou enfermeiría, según a Plataforma), e tamén a calidade do servicio de consultas no Hospital Comarcal polo “incumprimento” tanto da cobertura de prazas de especialistas como de equipos técnicos (o caso do mamógrafo, que según explica a Plataforma foi mercado en abril de 2011 “e aínda seguimos sen el”). A denuncia dos recurtes fíxose extensiva ás últimas modificacións do Ministerio de Sanidade, como o copago e a supresión da asistencia sanitaria para inmigrantes, medidas que poden crear, según PLADESAPU, “situacións dramáticas” no caso do copago dos desprazamentos para pacientes oncolóxicos, así como “un grave problema de saúde pública” ao deixar sen medicación a pacientes con infeccións como a tuberculose ou sida. “Todas estas medidas non van servir nin para aforrar nin para superar unha crise económica da que os verdadeiros responsables non son a immensa maioría dos cidadáns, senón uns poucos privilexiados que ademais de arruinar ao país marchan coas mans ben cheas e limpos de culpa”, apuntou a portavoz da Plataforma, quen rematou a lectura do manifesto animando á cidadanía “a reaccionar colectivamente” e asistir á gran manifestación do 3 de xuño en Santiago convocada por todas as plataformas en defensa da sanidade pública.

A comarca de Lemos denuncia a actual merma nos servizos sanitarios na zona. EC

“PARAR A OBSESIÓN DO PP E DA XUNTA POR RECORTAR A SANIDADE”

O sindicato UGT-Lemos expresou o seu apoio á concentración do día 13 de maio, para o que puxeron en marcha nos días previos unha campaña de concienciación e información nas principais empresas da zona sur. O sindicato deu o seu apoio á Plataforma “porque non podemos permitir que Monforte teña un hospital que dependa de Lugo, coa conseguinte pérda de servizos”, e animou á cidadanía a participar na concentración “para parar a obsesión do Partido Popular e da Xunta de Galicia de recortar en sanidade, xa que serán os nosos maiores as principais vítimas dos recurtes sanitarios, e esta xestión vai convertir o noso hospital nun hospital de segunda”.

APOIO “DECIDIDO” DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS

Pola súa parte, a Confederación de Empresarios de Lugo, a través da Delegación da CEL na zona sur, manifestou “o noso decidido apoio á PLADESPU polo que significa como expresión directa do interés da sociedade civil que, unha vez máis, ante o ocultismo, as ambigüedades e actitudes pouco claras de quenes administran unha conquista social que chegou a ser modélica mundialmente pola súa universalidade e eficiencia, e o descrédito de quenes teñen o deber de controlalo, ten que movilizarse na súa defensa”.

“LOITAR CONTRA OS INTERESES DUNS POUCOS”

Seguindo cos apoios ás demandas da Plataforma, o movemento 15M Monforte de Lemos denunciou “o desmantelamento progresivo dos servizos públicos e, en especial, da sanidade pública e da Área Sanitaria de Monforte cuxo futuro decreto a faría desaparecer na práctica”, polo que amosou o seu apoio á concentración do día 13 “contra os recortes e medidas antisociais que benefician aos intereses privados duns poucos a custa dunha maioría máis débil”.

“EVITAR O DECLIVE DO HOSPITAL DE MONFORTE”

Entre os diversos apoios que recibiu a convocatoria de PLADESAPU, a Plataforma Cidadana en Defensa da Comarca de Lemos expresou o seu apoio a esta convocatoria “para evitar o declive do Hospital de Monforte, e por manter a súa autonomía”. Este colectivo interpreta que “pretender axustar gastos en sanidade reducindo servizos ou baixando a calidade dos existentes e deixando desatendidos a amplos sectores da poboación non pode sen entendido de ningún xeito como unha mellora da xestión”, polo que insta aos xestores públicos a “abordar unha reforma sincera e profunda da insostible e ineficiente estructura político-administrativa”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta declara Monumento Natural ó pregamento de Campodola-Leixazós en Quiroga

Seguinte Nova

Artesanía, unha oportunidade económica para a provincia de Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: