Artesanía, unha oportunidade económica para a provincia de Lugo

Os profesionais deste sector abogan pola calidade como elemento diferenciador, e valoran o apoio institucional no eido da promoción

• Lino, lá, seda… son nombres que evocan tempos pasados, entornos tradicionais e, tamén, evocacións de calidade e autenticidade. Quizáis sexa o mundo da artesanía, e todo o encanto das súas producións, o lugar máxico da moda que conserva os vínculos máis auténtico co bo facer, coas materias primas naturais e co agarimo do traballo feito a man. A nosa provincia amósase rica no respeto ás tradicións do bo facer, e proba diso son a calidade e o cantidade de profesionais que defenden o traballo artesanal como vía de expresión da creatividade na moda, un sector ata o de agora máis vinculado aos procesos industriais pero que ven reclamando, dende hai tempo, un espazo propio para o pulo xenuino do artesanal.

A artesá de Triacastela Cecilia Carballo, durante unha demostración do seu traballo no tear. C.CARBALLO.

A ARTESANÍA, MAXIA E CREATIVIDADE SEMPRE ABERTAS

Pilar Rodríguez Gonda defende no seu obradoiro En Lá unha actividade “que sempre me resultou atractiva”. A artesá monfortina comezou hai vinte anos traballando os bordados a man, aínda que hai cinco “decidín darlle unha volta ó taller e a lá era un material que me atraía moito”. A fascinación que proxecta a artesanía non escapa a ningún detalle; como explica Pilar Rodríguez Gonda, a intervención do artesano pode chegar a todos os pasos do proceso compositivo, como a técnica de prensado de lá de forma manual, “que aprendín ao longo de varios cursos de formación”.

Un dos traballos a base de lá elaborados pola artesá monfortina Pilar Rodríguez no seu obradoiro profesional En Lá. P. RDGUEZ

UN “HOBBY” QUE ACABA SENDO UN MEDIO DE VIDA

O encanto da artesanía prende a moitos, dos que non poucos acaban conseguindo a “carta de artesán” e vinculándose profesionalmente a un mundo no que se achegaran, nun primeiro momento, como un “hobby”. Así foi o caso de Cecilia Carballo, tecedeira de Triacastela, que leva dende o ano 97 como profesional no taller que leva o seu nome, e que está vinculado á Asociación Artesanas do Telar (Artelar). Tras formarse no CENTRAD (Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, dependente da Deputación), acadou a carta de artesán e, tras darse de alta como autónoma, comezou unha actividade profesional “da que se pode vivir”, afirma Cecilia Carballo. No seu obradoiro leva a cabo todo o proceso creativo, que vai dende o deseño ata a elección dos tecidos, a adaptación entre un e outro (“non sempre un deseño vai ben co tipo de tecido que te suxire o cliente, entón hai que revisalo para sacarlle o mellor partido á materia prima”), a elaboración e a creación final da peza. Un xeito de traballar no que coincide a tecedeira monfortina Pilar Rodríguez Gonda, que amosa a súa satisfacción polos resultados de este proceso controlado de principio a fin pola man do experto, “deste xeito, consigues que as pezas sexan únicas e así se diferencian dos produtos industriais”.

Creatividade e calidade van da man neste traballo do taller En Lá de Pilar Rodríguez Gonda. P.RDGUEZ

AS FEIRAS, VÍAS INDISPENSABLES PARA COMERCIALIZAR A ARTESANÍA

A exclusividade que outorgan estas pezas únicas elaboradas a man debe atopar o seu cliente, que asume como punto de referencia as cada vez máis abundantes feiras de artesanía. Todo profesional deste sector sabe que a presencia nestes eventos resulta fundamental para mover a produción no mercado, aínda que neses días o tear estea parado mentres o profesional atende ó aspecto comercial no seu obradoiro. “A asistencia a feiras é imprescindible, aínda que resulta moi costoso estar presente nelas”, apunta Cecilia Carballo, que viaxa con regularidade a diversos puntos de Asturias e País Vasco, logo de estar en constante movemento por diversas feiras e exposicións de Galicia. “Empecei en Artelemos, hai xa varios anos, para continuar noutras feiras e mercados temáticos de toda Galicia, País Vasco, Lanzarote, Tarragona, e incluso en encontros internacionais como San Miguel en Azores, Florencia e Milán, ás que poidemos asistir grazas á unha axuda da Xunta de Galicia”, comenta Pilar Rodríguez Gonda, que insiste en que “as feiras de artesanía son o medio de comercialización das miñas pezas”, e que “en Lugo, as axudas da Deputación e do Centro de Artesanía fan posible a comercialización nas feiras”. “Sen a axuda institucional non poderíamos estar presentes en boa parte das feiras”, suliña Cecilia Carballo; “os stands son moi caros, a permanencia túa fai que o tear estea parado, e se só contas coas vendas, daste conta de que non poderás estar na próxima edición”. Neste sentido, Pilar Rodríguez destaca o caso da feira Artesanfroilán, “un claro exemplo de feira ben organizada a un prezo razoable para o artesán”.

Cecilia Carballo traballa en lino, seda e lá. C.CARBALLO

GALA LUCUS MODA, UN ESCAPARATE DE LUXO PARA A ARTESANÍA LUCENSE

Se o artesán non pode soster a súa presencia en feiras sen a axuda institucional, máis gravosa resultaría asumir unha campaña promocional de gran espectro. A ocasión que, este ano por terceira vez consecutiva, ofrece ó sector da artesanía a Gala Lucus Moda, organizada pola Deputación de Lugo, “é unha oportunidade única para amosar a nosa creatividade incluso fóra de Galicia”, comenta Cecilia Carballo, que participa por segundo ano nesta Gala, “porque ademáis de darnos a coñecer, supón unha motivación ao presentar novas creacións, e tamén porque podes misturarte cos grandes deseñadores, como Kina Fernández”, madriña desta terceira edición da Gala Lucus Moda. “Creo que a participación de artesáns nesta Gala aporta ese punto da pieza única, diferente e en moitos casos feita exclusivamente para esa ocasión, axustándonos ó tema que cada ano se quere destacar, por exemplo a Reserva da Biosfera nesta edición”, explica Pilar Rodríguez Gonda, quen destaca que a Gala Lucus Moda, ademáis, “supón para nós poder elaborar ese tipo de pezas menos comerciais que no realizamos habitualmente”.

Na presentación da Gala Lucus Moda participaron o alcalde de Lugo, José López Orozco, a artesá Yolanda Álvarez, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o deseñador Luis Areñas, e o perruqueiro Eduardo Souto. GPDL.

GALA LUCUS MODA, UN ESPAZO PROPIO PARA A ARTESANÍA EN MODA

Máis dun cento de profesionais participaron directamente na terceira edición da Gala Lucus Moda, que se celebrou o pasado 8 de maio, cunha intensa repercusión mediática que levou as creacións da moda lucense máis aló do ámbito de Galicia. Este año, estiveron presentes cinco importantes firmas de deseño, Manuel Bolaño, Sara Lage e Maru Calderón, Luis Areñas para Manuela López, Montse Arias e Inpe&Sons, que amosaron as súas últimas creacións sobre a pasarela lucense. A cita coa moda lucense reserva un apartado especial para a artesanía. O camiño emprendido pola Deputación de Lugo, organizadora deste evento, en prol deste sector reforzouse neste mandato coa creación por vez primeira dunha área de goberno especificamente adicada á artesanía e ó deseño, e esta atención ó sector materialízase na recente edición da Gala Lucus Moda, ó contar coa participación de 15 firmas de artesanía. Beatriz Valín e Chicha Lombao, Carmen López, Cecilia Carballo, Idoia Cuesta, Jara Rodríguez, María Rodríguez, Miguel Caamaño, Adolfo Domínguez, Pilar Rodríguez Gonda, Paula Dimé, Ramón Álvarez, Ramón Lleó, Noela Feal, Vidal Revilla, e Yanllan (formada por Yolanda e Laura Luz Álvarez Nieto) amosaron ó público as súas creacións de xoiería, marroquinerías, téxtil e outros complementos de vestir.

O MIMBRE CONVERTIDO EN MODA, PREMIO I CONCURSO NOVOS DESEÑADORES DE LUGO

Como novidades, a terceira edición da Gala Lucus Moda incorporou a presencia de perruquerías especializadas en moda. Asimesmo, a deseñadora Verónica Marí Granda acadou o primeiro premio do I Concurso de Novos Deseñadores cunha creación onde o mimbre se convirte en moda, e Gloria López Santomé e Silvia Sánchez Corral recibiron o segundo e terceiro premio, respectivamente, polos seus singulares traballos.

En canto á ambientación musical, a Gala Lucus Moda incorporou por vez primeira este ano a grupos lucenses, en concreto ós participantes no certame Xoves con Arte, iniciativa da Deputación e o Concello de Lugo para impulsar as novas agrupacións da cidade. Na presentación da Gala Lucus Moda, o presidente da Deputación, Gómez Besteiro, explicou que a Gala repite por terceiro ano consecutivo “debido ó interese que amosou o sector lucense da moda, dada a importante repercusión económica para os seus negocios”. Pola súa banda, o deseñador Luis Areñas destacou que esta pasarela “fai que as pequenas empresas contraten a máis persoal, se posicionen a nivel nacional e incrementen as ventas”. Asimesmo, a artesá Yolanda Álvarez valorou “o esforzo realizado pola Deputación neste época de recortes para sacar adiante unha Gala que beneficia á artesanía, un sector en crise antes da propia crise”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte esixe autonomía para o Hospital Comarcal

Seguinte Nova

Monforte, capital das tapas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: