A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte agradeceu á cidadanía a súa presencia na concentración celebrada o pasado 13 de maio na Praza de España. Nun comunicado enviado ós medios de comunicación, os voceiros deste colectivo afirmaron que “quedou claro que Monforte non vai permitir unha perda de servizos no Hospital, nin un decreto que non sexa aquel que nos manteña como Área de Xestión Integrada, sen dependencia de Lugo e, por suposto, a defensa da Sanidade Pública como o mellor sistema sanitario”.
DEFENSA DO CARÁCTER ABERTO DA PLATAFORMA, E DOS APOIOS “NON POLÍTICOS” DE DIVERSOS COLECTIVOS CIDADÁNS
Asimesmo, saíron ó paso “daqueles que pretenden confundir dicindo que esta Plataforma é política”, declarando que “non lles imos entrar ó trapo, porque o único que queren é desviar o tema que nos ocupa, que non é outro que o que reflicte o noso manifesto que data xa do ano 2009”. Os voceiros de Pladesapu argumentaron tamén que os apoios expresos de colectivos como o Centro Comercial Urbano e a Plataforma Cidadá para a Comarca de Lemos “non son precisamente apoios políticos”, e que “resulta curioso que quen nos pretende descualificar co apelativo de “político”, sexa precisamente unha organización política que antepón os intereses particulares e as directrices que lle impón o seu partido ao ben común”. Asimesmo, insistiron no carácter “aberto, plural e apartidista” de PLADESAPU.
CRÍTICAS A NÚÑEZ FEIJÓO, BARREIRO E PILAR FARJAS
As reivindicacións da Plataforma remiten de xeito permanente ás promesas emitidas polos responsables políticos do Goberno galego. Neste sentido, os voceiros de PLADESAPU insistiron na “importancia de ter memoria, e lembrar que a nós e a todos os cidadáns o Presidente da Xunta prometeunos un decreto de Xestión Integrada para Monforte sen dependencia de Lugo; pola súa parte, o señor Barreiro dixo en abril de 2011 que xa estaba mercado o mamógrafo dixital; dona Pilar Farjas no Parlamento Galego, o pasado 12 de maio de 2010, afirmou que xa había un orzamento de 400.000 € para a fachada do Hospital de Monforte e no acto do 25º Aniversario do Hospital dixo que este se ía potenciar con máis especialistas. Todo isto, de momento é fume”, explicaron os voceiros da Plataforma. Este colectivo alertou tamén contra “a centralización de servizos, que sempre que se fai perxudica ós máis pequenos”, en clara referencia á historia do desmantelamento da Renfe en Monforte, “polo que agora temos a oportunidade de que non se repita a historia co Hospital Comarcal e tamén co Partido Xudicial”.