A singular configuración dos viñedos nas zonas de Sober e Chantada require un axeitado mantemento dosaccesos ós terreos de labor para o correcto desenvolvemento das tarefas vitivinícolas, segundo se reflicte das demandas dos responsables do sector, a través do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Con esta finalidade, a Deputación de Lugo está a desenvolver diversas actuacións de mellora dos accesos a viñedos nestes dous concellos, e que supoñen un investimento de preto de 160.000 euros. No municipio de Sober, as obras estanse a desenvolver nos accesos ós viñedos de Gullufre, Os Canares, Os Corgos, A Merla e Sancosmede. O importe destas actuacións ascenden a 84.000 euros, financiadas pola entidade provincial con cargo ó canon. Esta será a derradeira actuación financiada polo canon, co que se pon fin, según os responsables provinciais, á débeda histórica no concello de Sober. Por outra banda, estímase que os beneficiarios destas actuacións en Sober serán os 400 viticultores desta área, así como as ducias de traballadores das 40 adegas de Sober, que en conxunto xeran un volume de negocio de 3,5 millóns de euros.
5 MILLÓNS DE EUROS DE FACTURACIÓN
No municipio de Chantada, as actuacións concéntranse na CP1804 de Touza por Belesar a LU-533, nos puntos quilométricos 2,370, 4.900 e 5,670, nos que se está a mellorar o pavimento e a ensanchar varias zonas, co fin de incrementar a seguridade e favorecer o paso de vehículos de maior tamaño. Nesta actuación, a Deputación de Lugo está a investir un total de 74.000 euros. Segundo os datos aportados pola Denominación de Orixe, estas melloras nos accesos favorecen ós 150 viticultores de Belesar e ós empregados das 7 adegas localizadas nesta zona, que en total xeran un volume de negocio cercano ós 5 millóns de euros.