Apoio provincial ó programa Preescolar na Casa que garante a igualdade de oportunidades educativas no rural

Tralo convenio firmado entre a Deputación de Lugo e a Fundación Preescolar na Casa, esta entidade recibirá do organismo provincial unha achega de 65.000 euros para garantir a continuidade do programa formativo. A aportación do organismo provincial a Preescolar na Casa inclúe unha partida da área de Presidencia por importe de 50.000 euros, e outra da Vicepresidencia por importe de 15.000, o que supón un incremento da aportación total dun 25% con respecto ó ano 2011.

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo; Marisol Fernández Rocha, presidenta da Fundación Preescolar na Casa; e Antonio Veiga, vicepresidente do organismo provincial, trala firma do convenio. GPDL.

COMPROMISO CO FUTURO NO RURAL

Según explicou o presidente da Deputación durante a firma do convenio, este incremento na aportación a Preescolar na Casa supón a “firme e unánime” aposta do organismo lugués por un servizo que “garante a igualdade de oportunidades educativas, acabando coas diferenzas entre zonas rurais e urbanas; combate o despoboamento ó facilitar servizos para manter a calidade de vida, pois se tan importante é levar ó rural a telefonía ou internet, máis o é a educación; e constitúe unha fonte de creación de emprego”.

CRÍTICAS ÓS RECORTES DA XUNTA

Neste sentido, Besteiro aproveitou a ocasión para criticar os recortes aplicados pola Xunta de Galicia nas axudas ó programa Preescolar na Casa, e insistiu na mesma idea que sostiña o vicepresidente do organismo provincial, que “dende Santiago non se entende que a provincia de Lugo ten unhas condicións específicas: un gran número de maiores e, por tanto, un gran abandono do territorio, polo que os esforzos no rural como Preescolar na Casa son imprescindibles”. A supresión, por parte da Xunta, da subvención de 500.000 euros a esta programa obrigaron a paralizar durante meses as prestacións de Preescolar na Casa. A Fundación puido remontar a súa actividade logo de recibir unha axuda de 505.000 euros do Ministerio de Sanidade con cargo ó IRPF acadada en novembro, aprobada polo anterior Goberno central. Agora funciona con esta subvención, e coas achegas da Deputación de Lugo e, en menor medida, coas concedidas por Concellos como o de Lugo.

CLAVE CONTRA O DESPOBOAMENTO

A presidenta da Fundación Preescolar na Casa, Marisol Fernández Rocha, agradeceu con emotividade o apoio da Deputación, e criticou que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, cualificara o programa de “obsoleto”. Fernández Rocha afirmou que isto “non se axusta á realidade”, xa que ven de ser considerado un referente tanto en España como noutros países, caso do Reino Unido, que ven de pór en marcha iniciativas similares. Rocha lembrou que a propia Xunta presentou ó Preescolar na Casa como un programa clave fronte ó despoboamento demográfico. O programa Preescolar na Casa atende agora a 57 concellos lucenses (o 85% da provincia), cun total de 1.500 usuarios entre pais e nenos. Para cumprir esta función un total de 9 profesionais desprázanse por 106 puntos de atención distribuidos pola provincia e facilitados polos Concellos. En 20 Concellos lugueses este programa é o único servizo educativo para nenos de entre 0 a 3 anos, que non contan con escolas infantís nos seus municipios.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Actuacións provinciais na mellora dos accesos a viñedos no sur de Lugo

Seguinte Nova

Sober, concello pioneiro na colaboración co Quiosco Verde de recollida de móbiles usados na provincia

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: