Enoturismo, “oportunidade de negocio” para a Ribeira Sacra

72 adegas e 31 restaurantes das áreas de influencia das cinco Denominacións de Orixe dos viños de Galicia celebraron o pasado 26 de maio a Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia. Esta iniciativa, promovida por Turgalicia e enmarcada dentro do Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia que aprobou este mes a Xunta, ten por obxectivo pór en valor o enoturismo galego como unha nova aposta de calidade na diversificación das actividades turísticas.

A xerente da Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, durante a presentación da Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia na capital provincial. GPDL.

VIÑO E GASTRONOMÍA, “REFORZO DA MARCA TURÍSTICA DE GALICIA”

Segundo explicaron en Lugo nos días previos á celebración desta Xornada a xerente da Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia, Carmen Pita Urgoiti, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, esta estratexia englóbase dentro da creación de produtos turísticos “que van a reforzar e dotar de contido a marca turística de Galicia”. A xerente de Turgalicia explicou que entre os obxectivos desta iniciativa figura tamén o de comezar a divulgar o enoturismo e o novo produto cabeceira de marca, “Paseando entre viñedos”, entre os galegos, “porque o turismo interno é moi importante en Galicia”. Pola súa parte, Raquel Arias sinalou que “para a Ribeira Sacra é importante seguir a desenvolver o enoturismo como unha oportunidade de negocio”.

PAQUETES TURÍSTICOS ADAPTADOS A CADA DENOMINACIÓN DE ORIXE

As cinco Denominacións de Orixe do viño de Galicia deseñaron un intenso paquete turístico para amosar de xeito gratuíto os secretos do viño e do seu entorno a todos os visitantes que se achegaron o sábado 26 de maio ás adegas e establecementos adheridos á esta iniciativa. Nas áreas vinculadas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, un total de 8 restaurantes e 10 adegas participaron nesta xornada, das cales pertencen á provincia de Lugo Abadía da Cova, Algueira, Casa Moreiras, Vía Romana, Mondelo e Regina Viarum. O paquete turístico nesta zona incluía visitas guiadas gratuítas polo casco histórico de Monforte de Lemos, con parada no Centro do Viño, que acolleu pola tarde unha degustación. Asimesmo, varios aloxamentos de turismo rural da Ribeira Sacra dispuxeron ofertas especiais para a xornada. Pola súa parte, o tren turístico realizou un tour de dúas horas de duración polos viñedos, con saída dende Doade. O mesmo fin de semana, as visitas guiadas ós puntos de interés románico da Ribeira Sacra ofreceron un desconto do 25% ós visitantes.

GASTRONOMÍA, A SEGUNDA MOTIVACIÓN DOS TURISTAS PARA ELIXIR GALICIA

Durante a presentación da Xornada, a xerente de Turgalicia ofreceu datos sobre o Plan de Turismo Enogastronómico de Galicia. Carmen Pita resaltou as cifras de establecementos vinculados ó sector da gastronomía e do viño, que no presente ano en Galicia acadan un total de 5.298 establecementos de restauración, 1.574 cafeterías e 21.218 bares. Pola súa banda, na nosa comunidade autónoma existen 841 industrias agroalimentarias, así como 10 restaurantes con Estrella Michelín e 18 distinguidos con Soles Repsol. A responsable de Turgalicia precisou que Galicia rexistra máis de 300 festas gastronómicas ó ano que impulsan o sector turístico e promocionan os produtos con indicación de calidade. Segundo recalcou a xerente de Turgalicia, a gastronomía é, despois da natureza, a segunda motivación dos turistas para elixir Galicia como destino.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Cursos de formación teatral en Sarria e Monforte

Seguinte Nova

Youtube e viticultura: o noso mundo medra en galego

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss