A mediados do mes de maio, o director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Crespo Iglesias, informou de que o Banco de Terras de Galicia, adscrito á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), recibiu no seu primeiro período de solicitude para arrendamento de parcelas unhas 650 peticións, das cales o 65% son para uso agrario.
“CONFIANZA DOS AGRICULTORES E GANDEIROS NO BANTEGAL”
Crespo comentou que este dato mostra a confianza que teñen os agricultores e gandeiros nesta entidade xestora, tras duplicar as peticións existentes anteriormente ao longo de todo un ano.
XORNADAS DE INFORMACIÓN PARA DEMANDANTES E OFERTANTES DE TERRAS
Antonio Crespo resaltou que dende a entidade xestora do Banco de Terras se está levando a cabo un programa de asesoramento e información para facilitar os labores de xestión tanto dos demandantes como dos ofertantes de terra, e mostra disto son as xornadas de información que se realizan polas distintas comarcas a petición dos propios gandeiros e agricultores.
VALORACIÓN “MOI POSITIVA” DAS PRIMEIRAS APLICACIÓNS DA LEI DE MOBILIDADE DE TERRAS
Pola súa parte, responsables da Consellería de Medio Rural e do Mar valoraron “moi positivamente” os primeiros pasos que se están a dar na aplicación da Lei de Mobilidade de Terras de Galicia, tralos datos obtidos ata o de agora. Explican que “a eliminación de medidas tan intervencionistas coma os dereitos de tenteo e retracto están a permitir que os propietarios de parcelas con vocación agraria xeren un maior dinamismo na compra-venda de terra, ao eliminar unha burocracia que resultaba excesiva”.